Exposición Purificación García, Premio Bienal de fotografía

Actualizado 02/10/2012 08:43

museo de pontevedra

Do 4 de outubro ó 11 de novembro de 2012, as salas de exposicións temporais do Sexto Edificio acollerán a mostra que reúne as obras seleccionadas e premiadas na novena edición do certame.

O Xurado, composto por Marta Gili, Manuel Borja–Villel, Chema Madoz, Sergio Mah, Alberto Martín e un representante de Purificación García, realizou unha selección de dezasete entre as máis de novecentas obras presentadas por artistas residentes en España e Portugal.

Os premios recaeron nos seguintes artistas: o primeiro premio, dotado con 15.000 euros, en Regina de Miguel pola súa obra Un efecto de verdad; o segundo, de 12.000 euros, en Jaime de la Jara por Place One (Proxecto Anger Moments), e o terceiro, de 10.000 euros, en Zoé T. Vizcaino por Maelstrom Saltstraumen, 160711 • IN18:1.

A fin de premiar aqueles traballos que chegaron ó debate final, o xurado decidiu outorgar ademais dúas mencións especiais, sen dotación económica, a Carla Cabanas pola súa obra O que ficou do que foi e a Daniel Blaufuks por O jardim de Eugène Delacroix, da serie Um mundo igual a este, mas ligeiramente diferente.

O conxunto Un efecto de verdad de Regina de Miguel é unha obra complexa na que, entre outros temas, aborda diferentes aspectos relacionados co réxime de visión do fotográfico. En cada unha das pezas que a compoñen aparecen reunidas tres imaxes, das que unha delas corresponde a unha fotografía microscópica relacionada co resultado dunha acción científica desenvolvida pola artista e as outras dúas son fotografías arqueolóxicas que rexistran respectivamente un emprazamento e un vestixio. Contraposición dialéctica de diferentes usos da fotografía na súa vertente máis explicitamente vinculada á infalibilidade e á obxectividade, para articular un discurso crítico sobre o empirismo, sobre a estética da obxectividade e neutralidade da ciencia e do coñecemento, e o uso instrumental da imaxe fotográfica posto ó seu servizo.

A obra Place One de Jaime de la Jara actualiza con rotundidade consolidadas relacións como as que existen entre fotografía e perfomance, entre a imaxe e a linguaxe formal da escultura, ou entre a fotografía e a estética do ready-made. Place One é o rastro dunha acción na que o acontecemento é a subversión, o desmantelamento da orde aparente das cousas, a liberdade da forma sen finalidade e a desmitificación das figuras do benestar e a mercancía. Unha obra que apela con claridade, fronte á razón e á orde, ó accidental, ó fortuíto e ó aleatorio.

Un exercicio sobre a paisaxe e a cartografía é a obra de Zoé T. Vizcaíno, pertencente á serie Maelstrom Saltstraumen, na que capta os violentos remuíños de auga xerados polo choque de correntes no vórtice mariño que dá título ó conxunto. A fotógrafa define con acerto cada unha das imaxes que compoñen a serie como unha “Unidade de paisaxe”, nunha clara referencia á fragmentación do movemento que efectúa a toma fotográfica. Un rexistro cenital e moi elevado, cunha clara intención cartográfica que incide sobre a escala, acentúa o grafismo dunha imaxe que dialoga coa capacidade do medio fotográfico para a descrición e a fixación.

As fotografías de Daniel Blaufuks e Carla Cabanas, merecedoras de cadansúa mencións honorífica, teñen en común a referencia ó tempo e á memoria. Ambas obras, que se sustentan sobre a dimensión temporal e rememorativa do fotográfico, fan alusión, por diferentes vías, ó armazón de capas e sedimentos que se depositan na imaxe: o movemento e a inestabilidade da fotografía, como metáfora visual da dialéctica entre resistencia e rexeneración, no caso de Blaufuks, e a incidencia sobre a emulsión fotográfica, facendo confluír o acto de eliminar co de evidenciar, no de Cabanas. Ambas son, en último caso, decididas accións de reescritura da imaxe.

Completan a mostra as obras seguintes: Who where, de Vasco Araújo; Sin título, da serie Catedrales, de Juan Baraja; Melancholia Studies #2, de Nuno Cera; After Struth; After Velázquez, de Carlos Correia; Edificio Focsa. La Habana, pertencente ó traballo Bloc de notas, de Díaz Maroto; Sin título, de Suso Fandiño; Hogar, de Nuria Fuster; ST XV, da serie Cercar al silencio, de Ignacio Llamas; Love Secene #05, de Joâo Louro; Central do Fratel: Sala de máquinas, da serie The Time Machine, de Edgar Martins; Folk, de Álvaro Sánchez-Montañés, e El herbario. Fundación Cartier, da serie Paisajes mínimos, de Jorge Yeregui.

A exposición foi exhibida no Círculo de Bellas Artes de Madrid, na Sala de Exposicións da Biblioteca Central de Cantabria de Santander e no DA2 Salamanca. Tras a súa clausura no Museo recalará en Ourense, onde formará parte da programación do Outono Fotográfico. A itinerancia continuará durante os primeiros meses de 2013 visitando cidades como Valencia e Lisboa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra