Los nuevos rostros del Tíbet, exposición de Andrea López Iglesias

Actualizado 02/10/2012 08:50

museo de pontevedra

No Sexto Edificio, desde o 5 ó 31 de outubro, no horario habitual, exhíbese a mostra da artista pontevedresa, que fai patente a realidade vivida polos refuxiados tibetanos en Nepal.

Los nuevos rostros del Tíbet é unha idea de Andrea López Iglesias na que, máis alá dunha vontade estética, hai un esforzo por mostrar, a través dos seus lenzos, as realidades contidas neles. O proxecto pictórico está formado por catorce retratos doutros tantos rostros infantís, onde se agochan os relatos de catorce familias tibetanas exiliadas nos asentamentos de refuxiados das rexións de Pokhara e Kathmandú, en Nepal. Así, o retrato ilustra un relato que é, á súa vez, reivindicado polo propio lenzo: cada narración está escrita en tibetano, a súa lingua orixinal, no reverso da obra.

Con este traballo Andrea López propón unha perspectiva crítica que, máis alá das súas posibles connotacións políticas e sociais, se centra integramente na súa compoñente humana, é dicir, nos suxeitos retratados e nas súas circunstancias. As obras da serie móstrannos así uns suxeitos e unhas realidades que a miúdo son esquecidas ou omitidas, non representadas, ó fin.

A artista quere dotar de visibilidade e corporeidade unha realidade que considera que debe ser coñecida necesariamente, centrándose no rostro do suxeito como contedor do seu carácter, das súas angustias, dos seus pensamentos e da súa problemática, afondando nos seus trazos e na súa expresión. O uso de cores vivas, liñas grosas e unha pincelada fluída, tenaz e convincente, outorgan ós seus retratos un forte valor empático que transcende do xesto creativo da artista ó público, conseguindo así un observador activo, que sente e presente a realidade dos suxeitos retratados e das súas familias, unha realidade que a pintora se esforza en facer visible a través das súas obras.

Esta intención de visibilidade refórzase e lexitímase polo profundo traballo de investigación e documentación que acompaña os retratos, baseado nunha serie de entrevistas ás familias dos retratados. O proxecto de Los nuevos rostros del Tíbet convértese así en testemuño indispensable dunha realidade coa que conviven miles de tibetanos no exilio, en crónica dun pasado de fuxida e resistencia, pero tamén do futuro e da continuación dunha lingua, dunha cultura e dunhas esperanzas depositadas nos rostros dos lenzos.

Andrea López Iglesias (Pontevedra, 1986) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca (2009). A súa produción é variada e polifacética e abarca fotografía, obra gráfica e, moi especialmente, pictórica, destacando pola súa intensidade, as súas cores vívidas e o seu trazo expresionista. Malia a súa xuventude xa figura obra súa en diversas coleccións (Instituto Municipal de Arte y Cultura de Puebla, Universidad de las Américas de Puebla, Centro Español de Manhattan en Nova Iork e Círculo Cultural de Sanxenxo).

Ten participado en un gran número de exposicións colectivas, tanto en España como en América, entre as que cabe citar Arte Próximo, na sala do Casal de Ferreirós en Poio (2005), Exposición colectiva de litografías, na sala Luz de la Nevera de Puebla, México (2009), I Mostra Mulleres en Femenino, na galería Nauta de Sanxenxo (2009) e Spanish Artist without Borders, na galería do Centro Español de Manhattan (2011). Realizou tamén varias mostras individuais.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra