Arredor do mar. Fotografías do Museo de Pontevedra

Actualizado 11/10/2012 09:04

museo de pontevedra

Nenos xogando á beira do mar, mulleres mariscando ou traballando nas fábricas de conserva e salga, mariñeiros en diferentes labores, dornas, lanchas de relinga, pataches, vapores, faros, peiraos e vistas da beiramar -hoxe moi cambiadas-, praias e instalacións de lecer… son, entre outros, os temas recollidos nesta selección de fotografías do Museo de Pontevedra que atopa no Museo do Mar de Galicia un marco moi apropiado para a súa exhibición.

A exposición abarca dende fins do s. XIX a mediados do s. XX. Nela móstranse 64 imaxes tomadas tanto por recoñecidos fotógrafos profesionais, como Francisco Zagala, Lorenzo Novás, Joaquín Pintos, Otto Wunderlich, Enrique Sarabia ou José Suárez, como por persoeiros que tiñan na fotografía a súa grande afección, é o caso do empresario vigués Martín Echegaray, o xuíz José Bellver, o comandante de infantería Julio Fernández de los Ríos ou o italiano Atitilio Gaggero, moi ligado ás empresas conserveiras de Bueu.

Ten como comisaria a Mª Cristina Echave Durán, conservadora do arquivo gráfico, e como colaboradores no proxecto e documentación a Mª Reyes Camiña Castro e José Manuel Castaño García. Poderá ser visitada de martes a domingo, de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:00 h. dende o 11 de outubro de 2012 ó 6 de xaneiro de 2013.

Ver folleto en pdf

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra