Audicións de música comentadas

Actualizado 17/10/2012 13:42

museo de pontevedra

A terceira edición desta iniciativa, que tan boa acollida tivo nas anteriores, dirixida e presentada por Manuel López-Benito, consta de dous ciclos, o primeiro dedicado a Antonio Vivaldi e o segundo á Ópera, e teñen como marco o salón de actos do Sexto Edificio, con entrada libre.

O ciclo de Vivaldi celébrase os sábados 20 e 27 de outubro e 3 e 10 de novembro, de 11:30 h a 13:30 h, e o da Ópera os venres 16, 23 e 30 de novembro e 14 de decembro, de 19:30 h a 21:30 h.

Antonio Vivaldi é un dos máis xenuínos representantes do barroco musical europeo e un dos compositores máis prolíficos, non só para a forma musical de concerto, senón que, ademais, nos legou moitos exemplos de música de cámara, vocal e de escena, un personaxe cunha experiencia vital apaixonante que soubo compaxinala coa súa extraordinaria capacidade musical e artística e que foi, como non podía ser doutra maneira, fonte inesgotable de inspiración e acicate para a súa música.

Ó largo das audicións farase un percorrido por un dos momentos máis interesantes da arte europea, o Barroco. Da man de Antonio Vivaldi, a súa biografía e a súa obra, Manuel López-Benito acercará os asistentes ata a Serenísima República de Venecia para coñecer a importancia e a organización da música nela, continuando tamén por Europa para seguir as exitosas estreas das súas óperas. Serán analizadas musicalmente as liñas mestras das súas composicións, para rematar o periplo en Viena, onde falecería “Il Prete Rosso” o 28 de xullo de 1741.

Co primeiro ciclo de introdución á Ópera preténdese realizar unha viaxe iniciático a través da súa historia, estudando aquelas obras que representaron fitos definitivos no desenvolvemento do xénero musical escénico.

A Ópera, como a música en xeral, garda unha serie de claves e significados, cuxo coñecemento fan máis emocionante o seu goce ó tempo que esas claves nos permiten profundar no significado e no papel que desempeñou no devir histórico do ser humano e da arte.

Partindo dos argumentos, dos contextos históricos e dos momentos estelares de cada unha das óperas que integran o ciclo, o obxectivo é que os asistentes ó mesmo coñezan por dentro cada unha delas e, en consecuencia, gocen dunhas veladas operísticas diferentes.

Farase fincapé, ademáis, nos aspectos máis destacables de cada ópera desde o punto de vista da dirección orquestral, das voces, da escenografía, do atrezzo, do vestiario, de la iluminación, é dicir, de todos eses elementos que fan da Ópera un espectáculo único. As obras que serán comentadas no ciclo son as seguintes: La Traviata, ópera en tres actos con música de Giuseppe Verdiey libreto de Francesco Maria Piave, baseado na novela de Alexandre Dumas La dama de las camelias; La flauta mágica, singspiel en dous actos con música de Wolfgang Amadeus Mozart e libreto de Emanuel Schikaneder; Tosca, ópera en tres actos con música de Giacomo Puccini e libreto de Luigi Illica e Giuseppe Giacosa, e El elixir de amor, ópera cómica en dous actos con música de Gaetano Donizetti e libreto en italiano de Felice Romani.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra