Contos de Samaín para a ponte de Todos os Santos

Actualizado 29/10/2012 11:45

museo de pontevedra

Para rapaces e rapazas de entre 5 e 8 anos, celebraranse os días 1, 2 e 3 de novembro sesións de contacontos, complementadas cun obradoiro creativo.

Aproveitando a celebración da festividade de Todos os Santos, relacionada co Samaín e próxima no tempo ó Magosto e a San Martiño, desenvolverase, a través do Gabinete Didáctico do Museo, unha proposta destinada a rapaces e rapazas de entre 5 e 8 anos, titulada “Contos de Samaín”.

Con esta actividade de contacontos os máis pequenos poderán coñecer algunhas das tradicións relacionadas con estas datas e participarán a continuación nun obradorio creativo complementario dos relatos.

Terá como marco a lareira do edificio “García Flórez” e as salas contiguas, cunha duración aproximada de 90 minutos, co seguinte calendario: o xoves, 1 de novembro, ás 12:00 h, e o venres, 2, e o sábado, 3, ás 18:00 h.

O número de participantes en cada sesión será, como máximo, de quince, debendo realizar previamente a inscrición chamando ó teléfono 986 804 100, extensión 42413, ou no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es

Ilustración: detalle da obra Campesina, 1944, óleo/lenzo, de Manuel Benedito Vives (1875-1963).- Museo de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra