Recital multimedia de Yolanda Castaño

Actualizado 15/11/2012 08:12

museo de pontevedra

Terá lugar o luns, día 19 de novembro, ás 20:00 h, con entrada libre, no salón de actos do Sexto Edificio, incluído no ciclo Pontevedra, imán de palabras, organizado pola Deputación e o Ateneo de Pontevedra.

Trátase dun pequeno espectáculo poético, capaz de integrar diversas linguaxes expresivas, no que o xénero lírico trascende as minorías da man das novas tecnoloxías. Un recital de vanguarda no que se poderá disfrutar de música, proxección audiovisual e poesía, no que a literatura e o audiovisual se resolven nun novo formato, conseguindo ampliar os seus hábitos e achegarse a novos tipos de público.

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) poeta, videocreadora, columnista e activa dinamizadora cultural, dirixe dende 2009 para o Concello de A Coruña POETAS DI(N)VERSOS, un ciclo de recitais mensuais con poetas galegos/as e internacionais, e en Pontevedra o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA. Durante cinco anos e medio co-presentou un concurso cultural diario na TVG e publicou tres columnas semanais na prensa galega. Dirixiu obradoiros literarios, foi responsable de mostras poéticas colectivas, de traducións de poesía internacional e de edicións literarias. Ofrece recitais poéticos no país e no estranxeiro (Portugal, Bélxica, EE.UU., Arxentina, Perú, Polonia, Lituania, Italia, Eslovenia, Nicaragua, Macedonia, Colombia, Irlanda, Alemaña, Venezuela, Austria, Turquía, Francia, Tunisia, Reino Unido, Finlandia ou Xapón).

Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007 e Premio Ojo Crítico 2009 (ao mellor poemario publicado en España por un autor/a mozo/a), Yolanda conta con cinco poemarios individuais (entre os que salientan Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da Egoísta e Profundidade de Campo), edicións bilingües (galego-castelán) editadas por Visor Libros e tres libros de poesía infantil. Interesada na fusión da poesía con outras linguaxes creativas, desenvolve experiencias que a vencellan á plástica, á música, á performance, á danza ou ó audiovisual, xa sexa en solitario, en colaboración con outros artistas ou xunto co grupo interdisciplinar Tender a man. Recibiu dúas bolsas internacionais de creación en residencia en institucións de Rodas (Grecia) e Múnich.

A súa obra apareceu publicada en multitude de revistas nacionais e estranxeiras, en libros colectivos e antoloxías, tanto galegas como estatais, así coma en numerosos festivais de toda Europa e América, téndose traducido en parte ao inglés, alemán, macedonio, italiano, árabe, chinés, armenio, lituano, xaponés, maltés, ruso, esloveno ou polaco.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra