Nadalarte, actividades infantís para o Nadal

Actualizado 29/11/2012 08:50

museo de pontevedra

Con motivo das vacacións escolares de Nadal, o Gabinete Didáctico do Museo desenvolverá o programa Nadalarte, integrado por tres actividades distintas de carácter lúdico pensadas para nenos e nenas, coas que se darán a coñecer algunhas das tradicións relacionadas con estas festas, facendo fincapé nas propias da cultura galega.

Celebraranse os días 26, 27 e 28 de decembro, de 11:00 a 12:30 h, con número de prazas limitado a quince en cada unha das tres actividades.

A primeira, Creando Nadal, terá lugar o día 26, mércores, no Sexto Edificio, orientada a nenos e nenas de entre cinco e doce anos. Nela realizarán unha serie de traballos manuais inspirados nesas datas, adaptados ós diferentes grupos de idade, coa finalidade de espertar neles a imaxinación e a creatividade.

O xoves, día 27, no edificio García Flórez, desenvolverase Contos de Nadal, para nenos de entre cinco e oito anos. Ademais da lectura dramatizada dunha serie de contos na cociña do pazo, ó rematar os participantes realizarán un mural de pintura sobre unha das escenas relatadas. Os contos foron seleccionados previamente seguindo un criterio pedagóxico para introducir o tema do cambio de estación, do tempo de Nadal e do respecto á tradición.

Nenos e nenas de entre oito e doce anos poderán participar o venres, día 28, na última actividade programada, que se levará a cabo nos edificios Castro Monteagudo e García Flórez. No xogo Atopa no Museo completarán un crebacabezas despois de ter encontrado todos os obxectos que lles serán indicados, seleccionados previamente do conxunto de los fondos exhibidos no Museo, o que lles permitirá un contacto directo cos mesmos.

As actividades son gratuítas e os interesados deben inscribirse no Rexistro da Deputación desde o próximo día 3 ata o 14 de decembro. Se as solicitudes superasen o número de prazas ofertadas en cada actividade, realizaríase un sorteo entre todas elas na semana do 17 ó 21 de decembro.

Descargar folla de inscrición

Ver lista de admitidos

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra