Inaugurado o Sexto Edificio

Actualizado 11/01/2013 12:49

museo de pontevedra

O Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, inaugurou o pasado día 4 de xaneiro o Sexto Edificio do Museo.

Trátase dun edificio de recente construción que supón para o Museo unha ampliación de dez mil metros cadrados dedicados a salas de exposicións permanentes e temporais, talleres de restauración e un auditorio con capacidade para duascentas corenta persoas.

As obras deste novo inmoble iniciáronse en 2004 segundo o proxecto elaborado polos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui, gañadores do concurso de ideas convocado pola Deputación de Pontevedra, que sufragou a súa construción, para a que contou coa colaboración do Ministerio de Cultura e da Consellería de Cultura.

Nas vinte e tres salas de exposición permanente achará o visitante a evolución da arte galega dende o gótico ata a actualidade, así como as manifestacións artísticas realizadas noutros puntos de España desde os tempos de Goya ata mediados do s. XX.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra