Prudencio Canitrot. Semblanza dun humanista

Actualizado 21/01/2013 13:01

museo de pontevedra

O Ateneo de Pontevedra organiza a conferencia Prudencio Canitrot. Semblanza dun humanista, impartida por Carlos Gegúndez López, para recordar a figura do intelectual pontevedrés cando está a piques de cumprirse o centenario do seu pasamento. O acto terá lugar o martes 22 de xaneiro, ás 20 h, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O conferenciante estará acompañado por Sabela Canitrot (sobriña neta de Prudencio Canitrot e pintora) e Xosé Carlos Valle (director do Museo), que tamén intervirán no acto.

Prudencio Canitrot Mariño (Pontevedra, 1883 – Madrid, 1913) é un dos protagonistas esquecidos da Historia da Galicia de comezos do século XX, un tempo de transición entre o Rexurdimento e a Época Nós. No ocaso do Rexionalismo ten desenvolvido unha activa tarefa cultural a prol do país. Ó alcanzar a maioría de idade, tendo como vocación principal a pintura, asume o estilo de vida bohemio ata que asenta en Madrid e alí decide dedicarse ó xornalismo e á literatura -publicou dúas coleccións de contos e unhas cantas novelas-, sen esquecer nunca a arte primeira.

Foi un dos actores principais da Galicia de Madrid, poñendo a súa pluma, o seu pincel, a creatividade e as ideas ó servizo da súa terra, tal e como amosan as súas obras.

Ten participado en movementos políticos e culturais na capital do Estado relacionados con Galicia, como a fundación da Biblioteca de Escritores Gallegos (1910-1913), a posta en marcha de Acción Gallega (1910), grupo político agrarista, ou a organización da primeira Exposición de Arte Galega en Madrid en 1912. O seu falecemento por mor dunha doenza cando só tiña trinta anos cortou unha das traxectorias máis prolíficas e intensas da intelectualidade galega no Rexionalismo.

Coincidindo co centenario do seu pasamento Pontevedra acolle este acto que por vontade do conferenciante servirá de homenaxe a unha figura pontevedresa de gran relevancia, un recoñecemento que saldará a débeda dos habitantes da Bela Helenes para cun dos seus veciños máis ilustres.

Carlos Gegúndez López (Becerreá, Lugo 1976) é licenciado en Humanidades pola Universidade de Santriago de Compostela e obtivo o Diploma en Estudos Avanzados polo seu traballo Prudencio Canitrot. Un humanista galego no tránsito de século. Imaxinería literaria e imaxinería política (2009).

Ten publicado en revistas científicas varios traballos sobre os movementos culturais a comezos de século sobre o labor de Canitrot como promotor da arte e a literatura rexionalista.

Ademais, en colaboración con Jose Luis Calvo Vidal, indagou sobre a obra de Lois Pereiro, publicando O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro, así como María Mariño na escola sobre a autora noiesa.

Profesionalmente traballa como xornalista dende hai máis dunha década, formou parte da redacción de Localia Telelugo, Punto Radio e a Radio Galega, sendo na actualidade locutor de Cope Lugo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra