Presentación de Toledo siglo XII. La ciudad del saber

Actualizado 18/02/2013 14:02

museo de pontevedra

Esta novela de Aniceto Núñez será presentada o xoves, día 21 de febreiro, ás 20:00 h, no Sexto Edificio, nun acto organizado polo Ateneo de Pontevedra.

A granadina Editorial Almed acaba de publicar a novela Toledo siglo XII. La ciudad del saber, de Aniceto Núñez, que será presentada o xoves, día 21 de febreiro, ás 20:00 h, no Sexto Edificio do Museo. no acto, promovido polo Ateneo de Pontevedra, intervirán o autor do libro e o director do Museo Xosé Carlos Valle Pérez.

A novela desenvólvese na cidade de Toledo durante o século XII, momento no que se repite o sucedido dúas centurias antes na Córdoba califal coa convivencia pacífica de tres culturas, a musulmá, a xudía e a mozárabe. Na capital castelá ponse en marcha entón a frutífera experiencia da convivencia e do traballo común, a través da «Escola de Tradutores», creada e protexida polos arcebispos cluniacenses da cidade, nun plan baseado en trasladar todo o coñecemento científico e filosófico dos gregos e dos árabes ó latín, unha auténtica revolución na historia do saber humano.

O autor, Aniceto Núñez García (Cacabelos, 1940), é catedrático de Filosofía, político, ensaísta e filósofo, e foi durante décadas profesor de Filosofía nos institutos Ramiro de Maeztu, de Madrid, Gil y Carrasco de Ponferrada e Alfonso II de Oviedo.

En 1976 cambiou o ensino pola política educativa, como delegado provincial do Ministerio de Educación y Ciencia en Pontevedra e Salamanca. En 1985 pediu a excedencia como funcionario e incorporouse á empresa Constructora San José, da que foi delegado en Andalucía e Portugal. Integrado en Coalición Galega, foi Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia no bienio 1988-1990, en cuxa época se crearon as Universidades de Vigo e A Coruña. Publicou numerosos artigos en xornais e revistas sobre a actualidade político-social de Galicia e de España.

Como escritor, Aniceto Núñez practica un persoal xénero literario-filosófico, a medio camiño entre o ensaio e a novela histórica, construído cos recursos estilísticos do diálogo platónico. O autor reflexiona sobre os nosos problemas contemporáneos nun diálogo de ida e volta, antigüidade/actualidade, feito coas vimbias do pensamento clásico, froito dunha profunda e sosegada lectura dos filósofos gregos ó longo de toda a súa vida.

Neste xénero da novela filosófica publicou ademais Los mitos en Platón (2007), Atardecer en Atenas (Ir Indo, 2008) e Las palabras ardieron en las hogueras (Editorial Raíces, 2011), sobre a herexía dos cátaros.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra