Sorolla no Museo

Actualizado 28/02/2013 13:57

museo de pontevedra

O 27 de febreiro cumpríronse 150 anos do nacemento de Joaquín Sorolla y Bastida (Valencia, 1863-Cercedilla, Madrid, 1923), o mellor pintor español do seu tempo, do que o Museo de Pontevedra posúe tres destacadas obras que, actualmente, se exhiben no segundo andar do Sexto Edificio acabado de inaugurar.

As tres achégannos á marcada personalidade do célebre pintor valenciano que, inmerso no modernismo de finais do século XIX e comezos do XX, incorporou a arte española ó naturalismo europeo.

A primeira delas é unha pequena táboa que ingresou no Museo, en 1954, como doazón dun dos seus máis importantes mecenas, Álvaro Gil Varela. Malia o seu pequeno formato, trátase dunha obra moi significativa, un magnífico estudo da luz que reproduce do natural unha vista da Ría de Vigo realizada, posiblemente en Baiona, quizás desde Monterreal, durante unha das estadías estivais do artista nesta localidade do sur da provincia de Pontevedra, documentadas en 1899 e 1900.

As outras dúas, bos exemplos dunha das temáticas preferidas do pintor, a dos nenos na praia, integráronse no Museo de Pontevedra en 1961 como depósito de José Fernandez López e, finalmente, foron adquiridas en 1994. Son Antes del baño (1909) e Teresita en la playa (1910), lenzos dunha paleta e dunha luz inconfundibles que manifestan as claves do éxito da pintura luminista de Sorolla e que o artista exhibiu en 1911 en Estados Unidos nas exposicións realizadas baixo o patrocinio da Hispanic Society of América no Art Institute de Chicago e no City Art Museum de Saint Louis.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra