O Día Internacional da Muller Traballadora

Actualizado 01/03/2013 14:21

museo de pontevedra

Con motivo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller Traballadora o Museo incluíu na súa programación diversas actividades.

Consiste unha delas en visitas comentadas a cargo de persoal do Gabinete Didáctico do Museo, baixo o título A discriminación da muller na Arte, que se centrarán nas mulleres artistas durante os séculos XIX e XX. Preténdese reivindicar o seu papel no mundo da Arte a través das artistas representadas nas coleccións do Museo, mulleres que xogaron un papel destacado na arte do seu tempo, pero que sufriron a discriminación dunha sociedade na que o rol da muller era diferente ó do home, ata o século XX, que será cando as artistas comecen a gozar do merecido recoñecemento, cambio que tamén será analizado durante a visita.

Realizaranse en dúas sesións, unha ás 12:00 h e outra ás 18:00 h e terán unha duración aproximada dunha hora. Comezarán no Sexto Edificio, cun máximo de vinte persoas en cada unha. Os interesados deben inscribirse previamente na Secretaría do Museo (teléfono 986 804100, ext. 42436).

Por outra parte, ás 20:00 h, no salón de actos do Sexto Edificio e con entrada libre, Guillermo Escrigas, director do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), presentará unha selección de imaxes gravadas propiedade da dita institución, agrupadas baixo o título Imaxes da muller traballadora en Galicia: 1913-1936, e outras pouco coñecidas da escritora Emilia Pardo Bazán, tamén conservadas no CGAI.

Finalizarán as actividades co pase da película A condesa rebelde, producida por Zenit TV para TVG, dirixida por Zaza Ceballos, que conta no seu reparto con actores como Susana Dans, que dá vida á escritora, Antonio Durán Morris, Mabel Rivera, César Cambeiro, Albert Forner ou Manuel Millán, entre outros.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra