Achégate ó Sexto!

Actualizado 07/03/2013 10:09

museo de pontevedra

A partir do sábado 16 de marzo de 2013, durante as fins de semana restantes de marzo, abril e maio, o Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra ten programada a visita comentada co título Achégate ó Sexto! dirixida a todas as persoas que queiran aproximarse as coleccións que alberga este novo inmoble do Museo.

O percorrido guiado partirá da análise da propia arquitectura para continuar por unha selección das principais obras expostas, realizada en función da súa transcendencia na Historia da Arte, non só no ámbito de Galicia senón tamén nacional e internacional. Rematará na terraza coa vista excepcional dos tellados da zona monumental de Pontevedra.

Esta actividade gratuíta realizarase os sábados ás 18:00 h e os domingos ás 12:00 h. Está dirixida a todos os públicos, aínda que o seu enfoque e duración –aproximadamente unha hora e media- faina máis apropiada para adultos.

Para participar nela é preciso inscribirse para fixar a data e formar os grupos, que non deberán superar os 25 integrantes.

A inscrición pode facerse no propio Museo chamando ó teléfono 986 804 100, extensión 42413 (en horario de 8:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico a gabinetedidactico.museo@depo.es

Achégate ó Sexto! é unha actividade complementaria do percorrido de carácter xeral titulado A Ruta do Museo que se realiza os sábados e os domingos ás 11:30 h. Para a realización de calquera das dúas opcións será preciso que haxa un mínimo de 5 persoas inscritas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra