Semana Santa no Museo

Actualizado 19/03/2013 12:44

museo de pontevedra

Con motivo da Semana Santa, o Museo proponlles ós seus visitantes, ademais dos percorridos guiados habituais, un itinerario comentado polo ciclo da Paixón de Cristo, centrado neste ano na iconografía da Virxe da Piedade.

Os participantes na visita recibirán unha completa información sobre as obras exhibidas no Museo que ofrecen como temática a imaxe de María acollendo o corpo morto de Cristo, en especial en obras pétreas, como un retablo pontevedrés, datado en torno a 1480 ou o frontal de baldaquino procedente de San Bartolomeu o Vello, de arredor de 1500, ou as dos pintores Gregorio Ferro Requeixo, realizada en 1787, ou a de Juan Luis López, de 1970, na que fai unha versión da imaxe venerada na Basílica de Santa María da autoría do escultor compostelán do s. XIX Juan Manuel Magariños Blanco, pai do autor do actual retablo maior.

O percorrido rematará nas salas de Castelao, que debuxou en papel as imaxes da Piedade do reverso de moitos cruceiros galegos e bretóns e trasladou esa versión a temas profanos, como en Matáronlle un fillo, do álbum Atila en Galicia, ou Esta door non se cura con resiñación, de Galicia mártir.

A actividade terá lugar os días 28 e 29 de marzo, Xoves e Venres Santo, ás 12:00 h no Sexto Edificio, e a súa duración aproximada será dunha hora. A inscrición é gratuíta chamando ó número de teléfono 986 804 100, extensión 42413, ou enviando un correo electrónico a gabinetedidactico.museo@depo.es. O número máximo de participantes por itinerario é de 25 persoas.

Ver folleto en PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra