Ciclo Pontevedra, imán de palabras II

Organizado polo Ateneo de Pontevedra e a Deputación Provincial, celébrase os días 5, 6 e 7 de abril, no Sexto Edificio do Museo.

Actualizado 02/04/2013 10:05

museo de pontevedra

O ciclo Pontevedra, imán de palabras II, organizado polo Ateneo de Pontevedra e a Deputación Provincial, comeza no Sexto Edificio do Museo o venres 5 de abril, ás 20:00 h, cun recital poético a cargo de Dores Tembrás, e continúa coas tres sesións do obradoiro de poesía ATRAVERSADOS, impartido pola poetisa, o sábado 6, de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h, e o domingo 7, de 11:00 a 14:00 h.

As prazas para participar no obradoiro están limitadas a 20, polo que as persoas interesadas teñen que inscribirse na Secretaría do Museo (teléfono 986 804 100, extensión 42436).

Da man de Dores Tembrás preséntase no obradoiro de escrita poética a proposta ATRAVERSADOS, que quere ser unha achega á escrita poética desde tres posibilidades distintas: os obxectos, o papel e a obra de autores galegos contemporáneos.

Serán tres novos tempos, nove horas, nos que a proposta é sinxela, pero ambiciosa: escribir.

De obxectos ou materia poética é o tema sobre o que xira a primeira sesión, baseada na promesa. Un obxecto escollido de entre os que figuran nunha lata amósanos a liña que interesa seguir, a capacidade de descrición obxectiva e a suxestión, a potencialidade que ten e como podemos dirixila na escrita, abordando desde cuestións formais ata ferramentas que permitan converter en poema o pensamento e a emoción e meténdose no camiño da precisión e no papel que esta xoga na construción poética.

Na segunda, Son de papel, traballarase cun conxunto de papeis de distinta natureza que levan un poema escrito nunha lingua estranxeira que servirá como motor de arranque. A cada poema adxudicaráselle un pasado, un dono e un lugar. As diferentes adxudicacións reflectirán a poética que leva dentro cada unha das persoas. Afondarase nas técnicas e na construción do mecanismo do poema e farase unha análise individual para procurar descifrar as chaves do inefable e a súa relación co éxito do poema.

Na sesión do domingo, Poéticas contemporáneas, faranse rutas de achegamento á poesía galega contemporánea, procurando distintos xeitos de ler que permitan dispor de ferramentas e profundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais, coa finalidade de aplicar esas ferramentas á escrita creativa, cunha metodoloxía sinxela, como é acometer a interpretación do texto desde o traballo coa palabra.

Dores Tembrás, nada en Bergondiño (Bergondo – A Coruña) en 1979 e licenciada en Filoloxía Hispánica no 2001, bolseira predoutoral da Universidade de Santiago e investigadora en Suecia, Madrid e Bos Aires, doutorouse en 2008 coa tese La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro.

Ten publicado O pouso do fume (2009), o seu primeiro libro de poemas, e Esquiagrafías na Revista das Letras (2009). Poemas seus figuran en diversas antoloxías colectivas, así como en diferentes revistas especializadas.

Na literatura infanto-xuvenil ten publicado O peizoque Roque, en Galaxia, e o relato “E fóra o frío e dentro a luz” en O libro dos Reis Magos.

Ten participado en distintos Festivais Poéticos Internacionais, como o Festival de Poesía do Condado, Barcelona Poesía ou PontePoética.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra