Ciclo de música Sons no Ar-co

Actualizado 12/07/2013 08:52

museo de pontevedra

O ciclo de música Sons no Ar-co, organizado un ano máis polo Museo, chega á súa sexta edición sacando a música á rúa dende a simbólica Praza da Leña.

O venres 19 de xullo, ás 22:00 h, abrirá o ciclo o grupo Brass Metal de Pontevedra, á beira do arco da ponte que une os edificios Castro Monteagudo e García Flórez.

A formación Brass Metal Pontevedra está integrada por músicos da Banda de Música de Pontevedra, así como por músicos invitados, que mostrarán un repertorio atractivo para todo tipo de públicos, no que o son das big bands de comezos do século XX será o principal estilo, fresco e dinámico, apropiado para unha noite de verán.

O sábado 20 de xullo, tamén ás dez da noite, será a quenda de The Sould Jacket, esta banda, nacida entre Vigo e Nigrán no ano 2004, estableceuse como o referente do rock&roll na cidade de Vigo.

A gravación do seu primeiro álbum Wood Mama (autoeditado, 2012), nos estudios de Hendrik Röver, situounos nun posto privilexiado dentro da escena underground nacional.

Lexítimos herdeiros dese son tipicamente americano — profundo pero cálido — e amparados pola carismática voz e a presenza escénica do seu cantante, Toni, ó que se suman: Jann Zerega, baixo e coros; Guillermo Gagliardi, guitarra e coros; Jorge Mizer, guitarra e coros; e Mauro Comesaña, batería e coros, The Soul Jacket destilan un rock&roll clásico pero cun pé nos convulsos tempos modernos, con letras cargadas dunha mensaxe positiva pero urxente e unha pátina de soul sureño e autenticidade capaz de poñer ó público en pé.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra