Dúas pezas do Museo na exposición Peregrino e novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, en Asís (Italia)

Actualizado 07/08/2013 10:25

museo de pontevedra

O Museo vén de ceder dúas pezas dos seus fondos para formar parte dunha importante exposición na localidade italiana de Asís. A mostra, titulada Peregrino e novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, está promovida pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo en colaboración co concello de Asís e os frades franciscanos (OFM) e forma parte dos actos de conmemoración do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014).

A exposición inaugurarase o 22 de agosto e permanecerá aberta ó público ata o 20 de outubro no Palacio Bonaquisti. Trátase dun tímpano procedente do convento pontevedrés de San Francisco e un óleo sobre lenzo representando á Virxe Peregrina.

Tímpano procedente de San Francisco de Pontevedra (anverso)

A primeira das pezas, que estaba exposta ó público na primeira das salas do Sexto Edificio, é un tímpano dobre, decorado no anverso coa representación dun Calvario ó que se incorpora en actitude orante San Francisco e, no reverso, cunha figura da Virxe sedente co Neno acompañada por anxos.

Realizado en granito, a decoración do anverso está datada entre a terceira e a cuarta década do século XIV mentres que o reverso foi reaproveitado a principios do século XVII.

ANÓNIMO ESPAÑOL. Virxe Peregrina, s. XVIII

En canto á pintura, que representa a unha Virxe Peregrina, é un anónimo español do século XVIII, que se pode relacionar co círculo de Antonio Rafael Mengs (1728 - 1779). Esta pintura estivo exposta na sala dedicada á Virxe Peregrina no Edificio Sarmiento e está previsto que no futuro volva exhibirse na sala que se dedicará a esta advocación mariana, tan importante na cidade de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra