O edificio Sarmiento aberto ó público

O acceso a este edificio faise desde o Sexto e a través das pasarelas que comunican ámbolos dous inmobles

Actualizado 26/08/2013 12:55

museo de pontevedra

Dende o pasado día 21 de agosto está aberto ó público este edificio recén rehabilitado e no que os visitantes poden coñecer os testemuños materiais máis antigos das coleccións do Museo.

O edificio Sarmiento, así denominado en recordo de Frei Martín Sarmiento (1695-1772), foi, en orixe, sede do Colexio que os Xesuítas posuíron en Pontevedra. As súas obras iniciáronse en 1685 baixo a dirección de Pedro Monteagudo, responsable tamén da construción da igrexa lindeira executada segundo trazas elaboradas en Roma pola Compañía. Trala expulsión dos xesuítas en 1767, coñeceu usos moi diversos ata incorporarse ó Museo en 1979. En 2009 iniciouse a súa definitiva restauración.

As súas dúas plantas acollen exposicións permanentes. Na primeira exhíbense os fondos arqueolóxicos da Prehistoria e a Antigüidade e a arte galega medieval ata o século XIII, mentres que na segunda poden contemplarse as coleccións de louza de Sargadelos, Cerámica de Pontecesures e cerámica española a través dunha selección dos alfares nacionais máis representativos: Manises, Paterna, Sevilla, Toledo e Talavera, así como o legado Sánchez Mesas - Fernández de Tejada de arte contemporánea e asiático-oriental.

O horario de visitas é o habitual do Museo (de martes a sábado de 10 h a 21 h; domingos e festivos de 11 h a 14 h) e o acceso a este edificio debe facerse desde o Sexto co que se comunica a través de pasarelas de acristaladas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra