Documental sobre o III marqués de La Romana

Actualizado 18/11/2013 09:09

museo de pontevedra

O martes 19 de novembro, ás oito da tarde, no Sexto Edificio estrearase a versión en lingua galega do documental Pedro Caro Sureda. A pegada do marqués de La Romana. Documental histórico-biográfico de 30 minutos de duración, enchido de novidades informativas e con intensa relación coa Pontevedra señorial e militar.

O audiovisual forma parte da serie Atlántica Memoria de J. A. Durán (Ed) e con el complétase a triloxía das Tragedias Bélicas bicentenarias que abriron o Antigo Réxime ó Mundo Contemporáneo, protagonizadas por personaxes pontevedreses que formaron parte dos episodios máis espectaculares da historia da Guerra da Independencia e o arranque da Revolución atlántica por excelencia, que tamén se estrearon no Museo.

Nos últimos anos, con motivo do Bicentenario da chamada Guerra da Independencia, apareceron algúns libros (maiormente gráficos), pero de evidente importancia informativa, centrados na desbordante personalidade de Pedro Caro Sureda (Palma de Mallorca, 1761/ Cartaxo, Portugal, 1811), III marqués de La Romana. En realidade, tanto en vida como ó logo dos dous últimos séculos, poucos militares españois foron tantas veces aludidos como el en todas as linguas do mundo. Botábase en falta, non obstante, unha evocación sintética, plástica, audiovisual, acorde con tan cinematográfico personaxe. O reto asumiuno con este documental o escritor e investigador pontevedrés José Antonio Durán e o seu Taller de Ediciones.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra