Exposición Sopros de Nadal

Actualizado 28/11/2013 08:38

museo de pontevedra

Esta mostra recolle unha selección de máis de catrocentos adornos de cristal para árbores de Nadal, soprados e pintados de forma artesanal por expertos vidreiros centroeuropeos. Permanecerá aberta no Sexto Edificio ata o 12 de xaneiro de 2014.

Durante o acto de inauguración, artesáns vidreiros da empresa Rautis (Bohemia do Norte, República Checa) fixeron unha demostración da súa forma de traballar na elaboración de adornos a base de contas de vidro soprado que logo pratean, pintan, cortan e engarzan con arame, creando un tipo de adornos descoñecidos no noso país.

Conta a lenda que, en torno a mediados do S. XIX, un vidreiro moi pobre, non podendo permitirse comprar as mazás, noces e galletas coas que tradicionalmente se adornaba a Árbore de Nadal, decidiu imitar as súas formas soprándoas en vidro. Nacían así as bólas de Nadal de vidro.

Hoxe, seguindo métodos empregados desde hai case 200 anos, vidreiros de diferentes lugares de Europa, principalmente alemáns, checos, polacos, franceses e rusos, continúan creando estas preciosas pezas artesanalmente.

Con esta exposición queremos darlles a coñecer unha selección destas pequenas xoias e a súa historia, así como anécdotas curiosas que afectan ós personaxes e obxectos que protagonizan o Nadal e que estes adornos reproducen.

Ver actividades

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra