Conferencia: Herminia Fariña. A voz da seara

Actualizado 24/02/2014 12:17

museo de pontevedra

O xoves, 27 de febreiro, ás 20 h, no salón de actos do Sexto Edificio, Fernando Salgado falará da figura desta escritora galega, nacida en Santiago de Compostela en 1904 e finada en Simes (Meaño) en 1966.

Para pór remate ó acto Sandra Suárez Sánchez, bisneta da poetisa, recitará algúns dos seus poemas.

Herminia Fariña naceu en Santiago de Compostela en 1904 e finou en Simes (Meaño) en 1966.

O seu primeiro libro, Cadencias, viu a luz en Pontevedra en 1922, cando a escritora contaba con 18 anos, contén poemas unicamente en castelán aínda que naquelas datas a poetisa xa compuña en galego a xulgar polas colaboracións aparecidas na revista A Nosa Terra.

En 1924 publicou Seara, que reúne 35 poemas en galego, ilustrado por Luís Pintos Fonseca. Dous anos despois publica en Mondariz o seu terceiro libro, Pétalos líricos. Herminia Fariña cultivou tamén de maneira especial o seu gusto polo teatro, escribiu en Simes un poema dramático titulado Margarida a Malfadada que quixo estrear en Santiago e que igual que a comedia en castelán La marquesa de Miraflores, se representou no Teatro Principal.

Na década dos 30 estableceuse en Bos Aires e volve a utilizar a lingua castelá con publicacións como a lírica Hosanna, ou a obra en prosa Bajo el cielo porteño.

Ó igual que outras escritoras galegas que apoiaron cos seus escritos o levantamento franquista, Herminia escribiu en 1938 ¡Por España y para España! (El libro del combatiente) onde inclúe catro poemas en galego baixo o título de “Saudade. Mensaxe galicián”.

Na década dos 50, de volta en Galicia, é frecuente ver poemas seus publicados en diferentes revistas. A última colaboración coñecida é un folleto de catro páxinas impreso en 1960 e dedicado a Simes: Gabanza e prego á miña aldea Simes. ?

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra