Pazos gallegos. Materiales para su estudio

Actualizado 12/03/2014 10:00

museo de pontevedra

O martes 18 de marzo, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ás h horas, terá lugar a presentación do libro Pazos gallegos. Materiales para su estudio, de Miguel Durán-Loriga y Salgado, editado pola Deputación de Pontevedra.

No acto, presidido por Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, intervirán o director do Museo, Carlos Valle, e o fillo do autor, Juan Durán-Loriga Rodrigáñez, diplomático e embaixador de España en distintos países, que relatará a ardua tarefa, que comezou o seu pai a mediados dos 1940 e que agora se publica.

Foi o doutor López Suárez, Xan de Forcados, a quen debe tanto a cultura galega pola súa xenerosidade, quen tivo a iniciativa de publicar un libro definitivo sobre os pazos e casas señoriais de Galicia. Recrutou para iso o seu vello amigo Miguel Durán-Loriga e Salgado, autor do pavillón de Galicia na exposición de Sevilla inspirado no pazo lucense do Corgo, e para colaborar con el e abordar a vertente histórica e xenealóxica da obra contaron con Antonio Taboada Roca.

Durante cinco veráns, entre 1945 e 1949, Miguel Durán-Loriga, acompañado por Antonio Taboada Roca, percorreu gran parte de Galicia para estudar directamente os complexos pacegos. Froito deste traballo tomaron multitude de notas e realizaron fotografías, debuxos e planos.

O falecemento de Miguel Durán-Loriga, na primavera de 1950, deixou inconclusa a tarefa e toda esta documentación sería entregada polos seus fillos Juan e Miguel ao Museo de Pontevedra en agosto de 1981, engrosando os seus fondos documentais e servindo desta forma a moitos investigadores

Agora o traballo realizado recóllese neste libro que ten unha utilidade incuestionable para o estudo da arquitectura e a cultura dos pazos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra