José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine

Actualizado 14/03/2014 08:54

museo de pontevedra

O mércores 19 de marzo, ás 20 horas, no salón de actos do Sexto Edificio, terá lugar o acto de presentación e a proxección do documental José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine. Nel abordase a vida e a obra desta figura tan representativa da fotografía e a cinematografía galega.

Está escrito e dirixido por Miguel A. Romero e producido pola produtora Faro-Lérez, S.L. Ten unha duración de 60 minutos.

      Dúas imaxes nas que aparece José Gil. Na da dereita vese gravando no estadio de Balaídos


José Gil (Rubiós, 1870 – Vigo, 1937), reputado fotógrafo que viña traballando en Mondariz e Ourense, trasladouse a Vigo no ano 1904, en busca dun mercado virxe no que traballar sen competencia. Alí, o seu gabinete fotográfico chegou a ser o máis importante da cidade. Non obstante, nos primeiros anos do século vinte a vida destes gabinetes comezou a declinar e os fotógrafos tiveron que buscar novos camiños profesionais para poder seguir vivindo do seu oficio. Un destes camiños foi o reporteirismo fotográfico, ao que José Gil se dedicou traballando na emblemática revista ilustrada Vida Gallega, fundada polo insigne xornalista Jaime Solá, e onde José Gil destacou pola súa portentosa actividade. O outro camiño foi o cinematógrafo.

José Gil, adquiriu un aparato cinematográfico e comezou a filmación dunha serie de reportaxes e documentais que se proxectaron en diferentes salas da cidade, e ata un filme con argumento, Miss Ledya, o primeiro feito en Galicia.

Coa súa empresa, Galicia Cinegráfica, retratou a sociedade galega e o mundo da emigración, tema principal na súa obra, loitando por establecer as bases dunha industria cinematográfica en Galicia. Empresario emprendedor e polifacético, foi representante da marca Ford e Texan para Galicia, explotando as posibilidades do automóbil na busca da imaxe máis afastada. Ademais, inventou o Automotor Cine, un vehículo provisto dun proxector cinematográfico co que intentou levar os seus filmes aos lugares máis recónditos do territorio. Tamén ideou un vehículo de rodas sen aire co que percorreu Galicia amosando as peculiaridades do novo invento. Pero a súa vida, chea de éxitos e recoñecementos no profesional, veuse empanada pola morte por tuberculose das súas tres fillas, Rosa, María e Pepita. Este tráxico suceso deixou a súa pegada no cemiterio de Pereiró de Vigo, onde unha inquietante escultura, encargada por José Gil aos escultores Asorey e Camilo Nogueira, recorda ás tres rapazas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra