Actividades sobre El Greco no Museo

Actualizado 26/03/2014 13:31

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra súmase á conmemoración do IV centenario da morte de El Greco ,que aconteceu o 7 de abril de 1614 en Toledo, a súa cidade de adopción, cunha serie de actividades para todos os públicos que terán lugar durante o mes de abril.

Están motivadas por contar entre os seus fondos con dúas importantes obras do seu taller, o que nos permite unha achega á súa peculiar forma de concibir a pintura e a súa posterior influencia.

Para participar é necesario inscribirse a través da dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, ou ben chamando ó teléfono 986 804 100 extensión 42413.

Dous grecos no Museo de Pontevedra. Análise e influencias.

Nesta visita faise un achegamento á figura do pintor cretense a través das dúas obras que custodia o Museo de Pontevedra.

Días/Hora: xoves 3, 10 e 24 de abril ás 18:30 h e Xoves Santo e Venres Santo (17 e 18) ás 12 h.

Punto de encontro: Edificio Castro Monteagudo.

Número de persoas: un máximo de 25 por día.

A visita levarase a cabo por parte do persoal do Gabinete Didáctico, que establecerá unha análise comparativa, coa axuda dun mosaico de imaxes, con cadros da mesma temática pero firmados pola man do artista. Permitirán tamén unha achega ó funcionamento dos talleres de pintura daquel entón, completándose coa observación da obra de dous pintores galegos que reflicten unha clara influencia da súa pintura: Jesús Rodríguez Corredoyra e Pedro García Lema, ambos os dous con presenza no Sexto Edificio do Museo.

Obradoiro lúdico creativo: Quen foi El Greco ?

Con este obradoiro preténdese que os máis cativos se acheguen á figura do pintor non só a través do comentario in situ das dúas obras expostas, senón a través de xogos e actividades feitas a man que os familiaricen coa súa biografía, o seu taller, a súa persoal forma de pintar e algunhas das súas obras máis representativas.

    Días: 14, 15 e 16 de abril

    Hora: de 11 a 13 horas

    Duración: 2 horas

    Tipo de público: nenos e nenas de 6 a 10 anos

    Punto de encontro: Sexto Edificio do Museo

    Quendas: unha por día

    Número de nenos/as: 15 por día

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra