O Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos

Actualizado 13/05/2014 14:00

museo de pontevedra

O Museo súmase á celebración destes dous días tan significativos programando unha serie de actividades abertas a todos os públicos.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS E A NOITE DOS MUSEOS (17 de maio)

A maleta da avoa

É o título da primeira actividade que se realiza o sábado 17 de maio. Trátase dun contacontos para nenos e nenas de todas as idades a cargo de Raquel Queizás. Terá lugar ás 12 h na área de cristal do Sexto Edificio.

Esta actividade non require inscrición previa

Castelao, verbo e Terra

É unha representación teatral que versa sobre o pensamento de Castelao recollido en cinco frases emblemáticas do artista.

A función está preparada pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, da man do profesor de interpretación Óscar Codesido, e será interpretada por oito dos seus alumnos: Santiago Cuquejo Ribeiro, Iván Davila Grande, Celina Fernández González, Julio Alberto Ferreira Medeiros, Pía Nicoletti Pascual, Cristina Rodríguez Iglesias, Guillermo Torres Estévez e Lorena Varela Fariña.

A actividade desenvolverase na sala dedicada a Castelao no Sexto Edificio, en dúas funcións, cunha duración duns 45 minutos cada unha e cunha participación de 40 persoas en cada grupo: ás 18:30 e ás 20:00 h.

Esta actividade non require inscrición previa

Unha i-alma no Museo

Trátase dunha visita dramatizada a través dalgúns dos fondos expostos vinculados coa figura do artista e escritor rianxeiro, incluídas, como non, as dúas salas a el dedicadas.

A idea foi desenvolta por persoal do Gabinete Didáctico do Museo, que será o encargado de poñela en práctica.

Terá lugar no Sexto Edificio, a partir das 21:30 h do sábado 17, e na actividade poderá participar un máximo de 50 persoas.

Con motivo das realización destas actividades, as instalacións do Sexto Edificio e do Sarmiento, a pesar de ser día festivo, permanecerán abertas ó público desde as 18:00 ata as 24:00 h.

Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente chamando ó 986 804 100 extensión 42413 ou na dirección de correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS (18 de maio)

A arte dos sentidos

É o título da actividade programada para sumarse á celebración deste día, institucionalizado polo Consello Internacional de Museos (ICOM).

Vai dirixida a un público familiar e pretende que a xente viva unha experiencia distinta das coleccións do Museo poñendo a funcionar todos os seus sentidos, promovendo a participación activa do público asistente, xa que está máis cerca da chamada “arte en acción” que das visitas guiadas tradicionais.

Esta visita dinamizada desenvolta polo Gabinete Didáctico terá lugar no Sexto Edificio, ás 11:30 h, e nela pode participar un máximo de 25 persoas.

Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente chamando ó 986 804 100 extensión 42413 ou na dirección de correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra