En plenas Facultades II

Actualizado 23/05/2014 00:00

museo de pontevedra

Nesta mostra, que permanecerá aberta no Sexto Edificio ata o 22 de xuño, recóllese a segunda fase do proxecto expositivo En plenas facultades (a primeira estivo aberta ó público no Museo en marzo de 2013). Nela preséntase unha escolma da creación do profesorado de Belas Artes da Facultade de Pontevedra.

As reservas de traballo artístico de primeira liña destes docentes resultan practicamente inesgotables e desbordan en moitos aspectos o espazo físico dispoñible, polo que a relación de profesores-artistas presentes na exposición tivo que quedar reducida a trece participantes.

A exposición é froito da estreita colaboración entre a Deputación de Pontevedra, o Museo Provincial e a Facultade de Belas Artes, que uniron intereses comúns arredor das expresións da nosa cultura.

O catálogo que se edita con este motivo recolle as obras que se mostraron en ambas edicións.

A imaxe da lebre, coa que os docentes quixeron anunciar a exposición, é unha referencia-homenaxe ó máis importante artista-profesor do século XX, Joseph Beuys.

Ver explicación

Os comisarios da mostra , Ángel Cerviño e Alberto Gonzalez-Alegre, realizarán dúas visitas guiadas á mesma. A primeira, dedicada ó público infantil, terá lugar o 31 de maio ás 12 h e a segunda, dirixida a adultos, celebrarase o 11 de xuño ás 20 h.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra