Presentación da novela histórica Pedro Madruga-Cristóbal Colón. De Galicia al Nuevo Mundo

Actualizado 27/05/2014 00:00

museo de pontevedra

Publicada pola Editorial Atlantis, a novela histórica de Aquilino Fariñas será presentada no Sexto Edificio o venres, día 30 de maio, ás 20:00 h. No acto, que estará presidido pola Deputada de Cultura Ana Isabel Vázquez Reboredo, participarán, ademais do autor, Ramón Rozas, crítico de arte, e un representante da Editorial.

Aquilino Fariñas fusiona nesta novela as personalidades de Pedro Madruga e Cristóbal Colón nunha mesma persoa como protagonista da narración, someténdose ó esquema narrativo que constitúe a chamada tese galega da orixe de Colón.

A novela nútrese dos acontecementos do século XV en Galicia, Castela e Portugal como pano de fondo das vicisitudes de Colón-Madruga desde o seu nacemento en Poio, os seus estudos en Tui, o seu embarque nunha nave comercial-corsaria percorrendo as rutas ata entón coñecidas, o seu regreso a Galicia e o seu enfrontamento á sublevación irmandiña.

Logo, xa convertido en señor de Soutomaior, inicia o achegamento a Portugal e os seus intereses políticos, desafiando ós futuros Reis Católicos na Guerra de Sucesión castelá e unha vez derrotado manter a insubmisión dos seus dominios do sur de Galicia ata o exilio portugués onde xerminará definitivamente a idea do Descubrimento.

Como elementos substanciais do percorrido narrativo encóntranse episodios históricos coñecidos, e algúns non tanto, como o asedio á cidade de Pontevedra, á torre da Lanzada ou ó castelo de Tenorio, así como a toma da Rocha Forte en Santiago, a batalla de Balmalige ou o asalto de Castrizán, entre outros.

Refire tamén as intrigas e a substracción de mapas na Câmara dos Mapas lisboeta ou os achados na illa de Porto Santo en Madeira, que culminaran na convición definitiva para o Descubrimento de América.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra