Domingos Musicais no Sexto

Actualizado 28/05/2014 00:00

museo de pontevedra

O domingo 1 de xuño, ás 19:30 h no Sexto Edificio, o cantautor gaditano José Antonio Delgado Millán dará un concerto dentro do programa Domingos Musicais no Sexto.

José Antonio Delgado Millán nace en Villamartín (Cádiz) en xullo de 1978.

É Diplomado en Educación Social pola Universidade de Málaga e na actualidade está rematando a carreira de Educador Social nesta mesma Universidade.

Gañador de diversos certames nacionais de canción de autor, como: Certamen andaluz de canción de autor, en decembro do 2002, organizado polo IAJ (Instituto Andaluz de la Juventud); Concurso Espacio Libre, en Granada, e II de Cantautores Pay-Pay, en Cádiz, no 2003; Certamen Nacional de Cantautores Ruta del Tempranillo, en 2004; Certamen Nacional de Jóvenes Cantautores de Burgos (do que ostenta outros dous segundos premios nos anos 2003 e 2008), El olivar de las palabras, en Almensilla-Sevilla, en febreiro do 2008, e o I Certamen Nacional de Cantautores de Aguilar de la Frontera, en Córdoba, en 2009.

Ten gravados tres discos. O primeiro, autoproducido, leva o nome do propio artista. O segundo, Mareado, é unha produción de DodeMusic. E o terceiro, Perdiendo Altura, baixo o selo Odeón, de Ediciones Aljibe. Todos eles foron dirixidos, arranxados e producidos musicalmente polo mestre Joaquín Calderón.

Compartiu escenario con músicos da altura de Antonio Vega, Javier Ruibal, Jorge Drexler, Luís Pastor, Leo Minax, Carlos Chaouen e Vanesa Martín, entre outros.

Compositor da banda sonora da curtametraxe escrita polo profesor da facultade de Psicoloxía Francis Guerrero, da Universidade de Málaga.

As influencias máis directas deste novo cantautor van desde o pop actual ata o flamenco e o jazz.

A temática das súas cancións céntrase en facer retratos íntimos daquelas pequenas cousas cotiás, valores e paixóns humanas e especialmente no amor pola vida.

Neste concerto estará acompañado polo guitarrista gaditano Andy Pérez.

A entrada é libre, ata completar aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra