Presentación do libro Volver a empezar

Actualizado 04/07/2014 00:00

museo de pontevedra

O mércores 9 de xullo, ás 20:00 h, no salón de actos do Sexto Edificio terá lugar a presentación do libro Volver a empezar, do que é autora Rita Balboa que será presentada pola socióloga Rosanna López Salgueiro, ex-delegada da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra.

Volver a empezar é unha guía para alcanzar a vida plena. Nela ensínasenos establecer unha folla de ruta propia e a reflexionar acerca do sentido da vida e, sobre todo, dos nosos valores. ¿Qué é o realmente importante para cada un de nós?

En Volver a empezar fálase do amor a un mesmo e ós demais, da beleza, da creatividade, da importancia da familia e os amigos. Tamén de saber traballar en equipo e rachar moldes.

Elevándonos desde un plano máis material a outro máis espiritual, anímasenos a aspirar a cousas grandes, a buscar sabios consellos, a desenvolver a vida interior, a saber evolucionar e cambiar, a voar, a soñar. A buscar no último termo, a felicidade.

Esta obra é un canto á esperanza, á ilusión renovada, a levantarse unha e outra vez, a ser realista e idealista, a vivir coa cabeza e o corazón, sen desanimarse, sen tirar a toalla, aprendendo dos erros. En definitiva, unha invitación a vivir con ilusión na alma e un sorriso no rostro.

Biografía de Rita Balboa:

Rita Balboa naceu en Redondela en 1966. É a máis vella de once irmáns e procede dunha prolífica familia de emprendedores que fixo dela unha persoa vital, pasional, chea de enerxía e con gran capacidade de liderado.

Arquitecta de carreira, pero dedicada á xestión de empresas e persoas durante más de vinte anos, repartiu a súa vida entre España e Portugal. Durante o seu recorrido, tivo que volver reconstruír a súa vida persoal e profesional varias veces. Pero en 2012, en plena crise, as circunstancias obrigárona a deixar a súa actividade profesional frenética, estresante e á vez apaixonante, e decidiu darse, por fin, a oportunidade de parar e reencontrarse consigo mesma e, por ende, volver empezar. Esta, a súa primeira obra, é un canto a que nunca é tarde para empezar unha vida, nin ós 45 nin ós 80 nin ós 101 anos.

Rita considérase unha muller profesional do século XXI que non se cansa de volver empezar, e que descubriu que nos grandes fracasos persoais e profesionais é onde se atopan as leccións vitais que te poden impulsar a volver empezar as veces que faga falta para encontrar a plenitude.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra