Lembrando as festas dos anos sesenta e setenta

Actualizado 09/09/2014 00:00

museo de pontevedra

A Deputación de Pontevedra e o Museo, en colaboración coas asociacións culturais de Pontevedra, organizan unha Festa-Guateque o próximo venres 12 de setembro.

Durante esta actividade, que dará comezo ás 21 horas no exterior do Sexto Edificio do Museo e se prolongará ata as 23 h, vaise recrear o ambiente do mítico Guateque e lembrar as festas dos anos 60 e 70 cunha proxección de fotografías antigas, todas aportadas polos membros das asociacións participantes: SCD de Mourente, Amigos de Campolongo, AC Foula, A VV San Miguel de Marcón, AS Os Carballiños. AC Polavila, AC Veira do Río de Pontesampaio e AC Arume.

Dado que non había festa sen baile, contarán coa música en directo do grupo Nocturnos de Balde, que farán soar os vellos ritmos do twist, o fox-trot ou a música popular.

O toque moderno, e co fin de que todos leven un recordo desa noite, porao a instalación dun photocall polo que os asistentes que queiran poderán pasar e ser fotografados. As imaxes poderanse ver nun enlace que subiremos a esta web.

Para completar o ambiente e lograr que a Festa–Guateque nos leve ás décadas pasadas, esperase que todos os asistentes que acudan esa noite se animen a ir ataviados con vestimenta estilo anos 60 e 70.

Xa se pode comezar a rebuscar no baúl… Estamos todos convidados!

VER TODAS AS FOTOS

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra