Víctor Said Armesto (1871-1914)

Actualizado 10/09/2014 00:00

museo de pontevedra

A Fundación Barrié, o Museo do Pobo Galego e a Deputación e o Museo de Pontevedra uníronse na organización dos actos de conmemoración do centenario do pasamento do polifacético pontevedrés Víctor Said Armesto.

Víctor Said Armesto

O Sexto Edificio do Museo será a sede dun ciclo de conferencias aberto ó publico coordinado polo seu director, Carlos Valle, da presentación dun documental sobre a vida e obra de Said Armesto, elaborado por J.A. Durán e a celebración de dous concertos.

Pola súa banda, a Fundación Barrié e o Museo do Pobo Galego responsabilizaranse da organización dun simposio científico, no que recoñecidos especialistas de diversas universidades estudarán aspectos da vida e obra de Armesto.

Víctor Said Armesto (Pontevedra 1871- Madrid 1914) é o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa e continuador dunha estirpe de pensadores que transitaron en Galicia no republicanismo máis radical do Sexenio Democrático (Indalecio Armesto ou Jesús Muruais). Colaborador estreito de Casto Sampedro na Sociedad Arqueológica de Pontevedra , foi elixido entre os dez primeiros intelectuais que se convocaron en 1905, baixo a presidencia de Manuel Murguía, para a constitución da Academia Galega.

Xornalista, folcklorista, filólogo, filósofo, catedrático de universidade e literato, Said encamiña a súa liña de pensamento cara a temas propios das preocupacións rexeneracionistas finiseculares (educación, utopía social, etc.) pero as súas tendencias e orientacións, en principio de fondo contido social e político, van afastándose da realidade diaria, refuxiándose na abstracción do medievalismo científico e dunha realidade de Galicia enriquecedora, ideal, esteticista e plena de contidos identitarios de sabor romántico.

Non é, pois, estraño que a máxima preocupación dos seus derradeiros escritos se concentre na procura da relación de contos e romances galegos, que durante toda a súa vida recolleu, co amplo repertorio do ciclo francés e bretón sobre Tristán, o Grial, Perceval, etc. Said probará ese mesmo modelo, identitario, pasadista e esencializador de tradicións, na súa ópera La flor del agua, con música de Conrado del Campo, obra que sintetiza a estética, a didáctica e a ideoloxía deste poderoso pensador galego falecido en xullo de 1914, cando aínda resoaban os aplausos á súa obra, considerada para moitos como renovadora para a escena española.

CICLO DE CONFERENCIAS E CONCERTOS
Todos os actos se celebrarán no Sexto Edificio ás 20 h

PROGRAMA

16 de setembro
Conferencia de Xosé Carlos Valle Pérez, Pontevedra arredor da Sociedad Arqueológica

17 de setembro
Conferencia de José Antonio Durán, A singularidade dos Armesto na vida pontevedresa

18 de setembro
Conferencia de José Luis García-Velasco, Said Armesto e a Pontevedra finisecular

19 de setembro
Presentación do documental: Víctor Said Armesto, o resplandor efémero. Autor: José Antonio Durán

23 de setembro
Conferencia de Mª Ángeles Tilve Jar, Os espazos de Víctor Said Armesto: ideoloxía, xerarquía e poder na arquitectura pontevedresa

24 de setembro
Conferencia de Luis Costa Vázquez, Pontevedra. O son da cidade nos inicios do século XX
CANCELADA

25 de setembro
Conferencia de Carlos Villanueva, Said Armesto e Casto Sampedro, na procura dunha “ribeirana”

27 de setembro
Concerto de Cántigas da Terra

VER PROGRAMA EN PDF

30 de setembro
Concerto de Iria Cuevas e Alejo Amoedo (voz e piano)

VER PROGRAMA EN PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra