Teatro no Museo

Actualizado 15/09/2014 00:00

museo de pontevedra

O 20 de setembro comeza un ciclo teatral de tres pezas que terán lugar no salón de actos do Sexto Edificio a partir das 20 h. A primeira actuación será a do Grupo Arume Teatro, que interpretará a obra A farsa de Bululú, escrita por Manuel María.



A farsa de Bululú (1970), de Manuel María, é unha sátira que fai referencia á situación política no franquismo. Deste xeito, tras o Bululú, o Gran Mariscal e a Raíña Facunda están Franco, Carrero e demais personaxes do réxime. Esta farsa, que bebe das fontes satíricas da tradición galego-portuguesa das cantigas de escarnio e maldicir e na que se critica claramente ó exército, tamén ten claras referencias ás obras de Valle-Inclán e de Lorca.

O Grupo de Teatro Arume naceu na primavera de 1978 e desde aquela vén representando obras tanto en galego coma en castelán, de carácter laico e relixioso. No ano 1985 o grupo asina un convenio coa Deputación e comeza a actuar en circuítos organizados por esta institución. En 1989 representou a Pontevedra na XIII Mostra de Teatro Afeccionado Galego-portugués, na localidade de Medeiros, e desde 1981 participa nas Xornadas de Teatro Afeccionado organizadas polo Concello de Pontevedra. No 1985 Arume foi recoñecido oficialmente como Agrupación Cultural, que os posibilita para organizar outras actividades a maiores do teatro.

No ano 2003 fóronlle concedidas a mención honorífica e a medalla de ouro da Confraría do N. P. Xesús do Silencio, Virxe da Amargura e Cristo da Fe de Vigo, así como o diploma de honra e a medalla de ouro ó mérito cultural da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra. Esta asociación forma parte da Guía Oficial de Teatro, Música e Danza de Galicia.

As próximas representacións deste ciclo teatral son:

18 de outubro
Grupo 105 Besos Teatro, Verbas de Muller

15 de novembro
Grupo Armadiña Teatro, Saúde Private Hospital

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra