Obradoiros de adobíos para traxe tradicional galego

Actualizado 23/09/2014 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros de elaboración de adobíos para traxe tradicional. Estarán impartidos por José Luis Rodríguez, da Asociación Cultural “Gaiteiros os de Algures” e xirarán en torno ó bordado e a elaboración de colares. O primeiro deles está dirixido ó público adulto e o segundo a nenas e nenos.

Terán unha duración de 5 horas divididas en dúas sesións que se celbrarán no Sexto Edificio os días 4 e 11 de outubro.

Pretenden ser un punto de partida e de presentación da exposición que sobre a vestimenta tradicional se vai realizar o vindeiro ano no Museo de Pontevedra.

O traxe tradicional galego experimentou numerosos cambios dende a súa orixe adaptándose ós gustos e necesidades de diferentes épocas, de maneira, que non podemos dicir que haxa un único modelo de traxe que sexa definidor do mesmo ó longo da historia, aínda así o traxe do século XVIII e XIX converterase en arquetipo do traxe tradicional dos galegos, doadamente identificable a primeira vista.

Obradoiro de bordado ó aire para traxe tradicional galego

Horario: días 4 e 11 de outubro, ás 10:30h

Público: adultos

Prazas: 10 participantes

Entre as diferentes técnicas de enfeite dos traxes tradicionais de Galicia, bordado directo de vidriños, uso de encaixe de guipur, aplicacións de diferentes tecidos,... escollemos como máis representativo o bordado ó aire con acibeche como obxectivo deste obradoiro. O traballo a realizar será a aprendizaxe das técnicas básicas do bordado ó aire con vidriños seguindo as técnicas de elaboración do século XIX.

Obradoiro de elaboración de colares para traxe tradicional galego

Horario: días 4 e 11 de outubro, ás 17:30h

Público: nenos e nenas de 12 a 16 anos

Prazas: 10 participantes

O traballo a realizar será a elaboración de colares tradicionais seguindo as mesmas técnicas empregadas nos séculos XVIII e XIX. En dito obradoiro, os monitores, orientarán e ensinarán ós nenos e nenas participantes a elaborar o seu propio colar empregando doas tradicionais.

Os interesados en asistir deberán inscribirse previamente na Secretaría do Museo: Tlfno: 986 80 41 00 – ext. 42436. A participación é gratuíta.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra