Teatro no Museo

Actualizado 10/10/2014 00:00

museo de pontevedra

O grupo 105 Besos Teatro interpretará, o sábado 18 ás 20 h,Verbas de Muller, a segunda das tres pezas teatrais que se están a representar no salón de actos do Sexto Edificio.

Esta representación é só para maiores de 18 anos.

105 Besos Teatro nace no ano 2010 dun grupo de compañeiros actores con ganas de facer cousas distintas das que levaban feitas ata ese intre.

Estrean a compañía cunha comedia de Julio Pereira, Dos en la cornisa, con música en directo de La Tramoya, e coa que seguiron colleitando éxitos. A seguinte foi Desparejas, unha comedia de Salvador Amore para catro actores e que estrearon a comezos de 2013, e continuaron logo realizando pezas de microteatro (teatro en curto) coas que actualmente deleitan ó público.

Na Escola de Teatro 105 Besos pretenden seguir aprendendo xuntos e para iso ofrecen clases de teatro, expresión corporal, maquillaxe, relaxación, dramatización e desinhibición. Ademais ofertan aniversarios teatralizados, teatro para bebés, xincanas familiares e campamentos urbanos de teatro.

Están traballando nun novo espectáculo para público adulto e dous para público adolescente que esperan ensinar a partires do próximo ano.

A próxima representación deste ciclo teatral será o 15 de novembro coa actuación do Grupo Armadiña Teatro que interpretará Saúde Private Hospital.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra