Exposición antolóxica de José Luis Penado

Actualizado 13/10/2014 12:45

museo de pontevedra

A exposición José Luis Penado. Ideas soldadas, que se celebrará no edificio Sarmiento do 17 de outubro ó 16 de novembro, mostrará 36 obras deste artista pontevedrés que dedicou toda a súa actividade profesional a transformar o ferro, nalgunha ocasión acompañado doutros metais, en obras de arte, servíndose exclusivamente da técnica da soldadura.

Penado deuse a coñecer o público na súa primeira mostra de 1967, en Pontevedra, onde mostraba o seu interese polo oficio artesanal da forxa, que nunca abandonou. O mesmo recurso polo que a comezos do século XX optaran Pablo Gargallo e Julio González, iniciadores dunha liña innovadora e vangardista que incorporaba o baleiro como elemento escultórico.

Ó igual que eles e que Picasso, que conxugou nas súas esculturas o baleiro coa desmaterialización das formas do cubismo, Penado debuxa no espazo dando forma ó volume con perfís, primeiro de arame e despois de pranchas de ferro. Dese modo realiza unha obra na que mostra a súa preocupación polo ser humano servíndose da neofiguración que nos anos sesenta reacciona contra o informalismo. Pero o seu especial interese polo home e as súas actividades, tanto laborais coma lúdicas, non lle impediron desenvolver, a partir dos anos noventa, esculturas abstractas que se expanden no espazo ou cadros informalistas onde o metal substitúe á pintura tradicional.

Na súa longa traxectoria, ademais de mostrar a súa obra en diversas ocasións e recibir varios premios, tivo tamén a oportunidade de realizar monumentos urbanos como Aí veñen os mariñeiros, situado na Praza Elíptica da Coruña, ou O monumento á árbore da Praza de Barcelos, en Pontevedra.


Visitas guiadas

O Gabinete Didáctico realizará visitas guiadas de 45 minutos de duración todos os venres ás 19 h. Non é necesario inscribirse.

Buscando a Penado

Trátase dunha actividade sobre a exposición na que os participantes terán que percorrer Pontevedra buscando esculturas do artista que están situadas en diferentes puntos da cidade para facerse un selfie con cada unha. Ver toda a información en PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra