Domingos Musicais no Sexto

Actualizado 20/10/2014 00:00

museo de pontevedra

O domingo 26 no Sexto Edificio actúa a cantante e actriz brasileira Ellen de Lima, ás 19:30 h. Estará acompañada por Franc Gorritz (Batería), Ricardo Ferreira (Baixo), Léo Rodrígues e Gustavo Almeida (Guitarras). A entrada é libre e de balde.

Ellen de Lima é dona dunha voz suave e ó mesmo tempo intensa. É a intérprete do bolero Vicio, do tema musical dos desfiles de Miss Brasil e de moitas cancións marcadas para sempre na memoria musical brasileira.

Inicia a súa carreira musical nos anos cincuenta e foi unha das estrelas da era de ouro da radio. Tamén foi unha das primeiras cantantes contratadas por Columbia (despois CBA e actual SONY-BMG) en Brasil. En 1957 grava o seu primeiro LP

Na década dos sesenta Ellen de Lima conquistou o público brasileiro coa Canção das Misses, tema do concurso de Miss Brasil da época.

Actuou en televisión, traballou como actriz e cantante na TV Globo, xunto a de Fernanda Montenegro e Sérgio Britto e en diversas salas de festa.

A partir de 1988 pasou a integrar o grupo As Eternas Cantoras da Radio, xunto a Carmelia Alves e Violeta Cavalcante, entre outras, co que gravou tres CDs. No volume 3 gravou Estrela (Gilberto Gil), a dúo co seu autor, e Bésame (Flavio Venturini e Murilo Antunes). Este show converteuse en longametraxe, As cantoras do Rádio, o filme (Gil Baroni).

Ellen é a madriña da Policía Rodoviaria Federal e xa gañou títulos importantes, como o de Comendadora da República Brasileira e o título de cidadá carioca.

Pedro Almodóvar despois de escoitar a Ellen, versionou un dos seus éxitos no filme La piel que habito.

Recentemente, Ellen, que é nai do cantante e compositor afincado en Pontevedra, Gustavo Almeida, viviu un momento de gran emoción compartindo escenario co seu fillo máis vello, Rodrigo Almeida, no show Encontro de xeracións.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra