Presentación do libro El Comercio Marítimo de Galicia. 1525-1640

Actualizado 22/10/2014 00:00

museo de pontevedra

O venres 24 de outubro, ás 20:00 h, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo preséntase o libro El Comercio Marítimo de Galicia. 1525-1640 de Juan Juega Puig

Trátase dunha obra pioneira na análise do comercio marítimo galego na primeira idade moderna na que o autor valeuse de documentación nunca antes empregada por historiadores galegos.

Nela examínanse os acontecementos históricos e políticos que influíron na evolución do comercio exterior, así como as características da actividade mercantil (produtos intercambiados, fluxos de comercio, rutas comerciais, principais portos de destino...). Así mesmo, tamén se presta especial atención ó sector pesqueiro, delimitando as características das artes de pesca e a situación das diferentes rías naquela época.

O autor tampouco se esqueceu de tratar os aspectos sociais, xa sexa personaxes ou grupos foráneos que tiveron unha importante presenza en Galicia ou autoridades e poderes locais que desempeñaron un papel destacable no tráfico mercantil.

Juan Juega Puig naceu en Pontevedra. É Licenciado en Xeografía e Historia (Sección Historia) doutor en Historia (2012) e profesor agregado de bacharelato desde 1980. A súa actividade na investigación histórica levouno a publicar varios libros e artigos en revistas especializadas e colaborar de forma habitual na divulgación histórica en diferentes xornais.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra