Día Internacional do Patrimonio Audiovisual no Museo

Actualizado 23/10/2014 00:00

museo de pontevedra

O Museo súmase á celebración do 27 de outubro como Día Internacional do Patrimonio Audiovisual con dúas xornadas, que comezarán no Sexto Edifico ás oito do serán.

Cando a radio era o principal son da nosa vida

O luns 27 terá lugar unha charla baixo o título “Cando a radio era o principal son da nosa vida”, a cargo do recoñecido xornalista Xosé María García Palmeiro.

Desde a primeira hora, e van aló 80 anos, a radio formou parte da vida e do imaxinario das xentes, e dun xeito especial, nas súas catro primeiras décadas cando a televisión era só un proxecto. Era a radio dos seriais, dos discos dedicados, das radionovelas, a radio que é xa memoria e patrimonio.

Xosé Mª García Palmeiro (Barreiros - Lugo, 1948) é Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e xornalista. Desde 1973 traballou en prensa (La Voz de Galicia, Teima, El País, Faro de Vigo), radio (Radio Popular de Vigo e Onda Cero) e televisión (Televisión Española en Galicia e Televisión de Galicia). Foi o primeiro decano electo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e interveu como conferenciante en congresos, cursos e xornadas. Nos últimos anos da súa actividade profesional foi director de comunicación do Consello da Cultura Galega.

Presentación do proxecto Miss Ledyia de Caspervek

O martes 28 presentarase o proxecto Miss Ledyia de Caspervek Trío, no que este grupo poñerá música en directo á proxección do filme Miss Ledyia, a primeira película de ficción producida en Galicia, dirixida no ano 1916 polo cineasta e pioneiro Xosé Gil.

Caspervek Trío é un proxecto froito da unión de tres culturas que nace en Vigo no ano 2013 e que ten como un dos seus obxectivos principais transmitir emocións e sensacións a través da percepción audiovisual.

Os seus compoñentes, Brais González (piano e guitarra), Eduards Vecbaštiks (violín) e Blas Castañer (percusión), teñen o propósito de musicar en directo películas clásicas do cine mudo. Compoñen novas bandas sonoras para elas e continúan explorando as relacións entre música e imaxe e os efectos de ámbalas dúas no público. O trío constrúe así un espectáculo en vivo que nos remonta ás orixes da representación artística, cando a inmediatez e a empatía eran a pedra angular da creación escénica. A única copia orixinal de Miss Ledyia é propiedade do Museo de Pontevedra é atopase na actualidade no Centro Galego das Artes da Imaxe que a restaurou. Con esta película Xosé Gil puxo a primeira pedra cara a creación dunha industria cinematográfica galega.

O filme é un thriller de salón ambientado no balneario da Toxa e os arredores de Pontevedra e un documento patrimonial de primeira orde ó que Caspervek Trío pon música.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra