Recital poético-musical de Eva Veiga co Grupo Ouriol

Actualizado 27/10/2014 08:00

museo de pontevedra

O xoves 30 de outubro, ás 20:00h celébrase no Sexto Edificio unha nova edición do ciclo Pontevedra. Imán de Palabras organizado pola Deputación Provincial e o Ateneo de Pontevedra co recital poético-musical de Eva Veiga co Grupo Ouriol.

Eva Veiga

Xornalista e poeta, inicia en 1985 unha intensa e polifacética carreira na Televisión de Galicia, actividade que abandona hai uns anos para dedicarse enteiramente á escrita. A súa produción poética comprende, ademais de obras colectivas, Fuxidíos (1999), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), A frecha azul do teixo (2010), Nesta hora imposible (2012) e A distancia do tambor (2014).

Grupo Ouriol: Palabra, Música, Imaxe

O grupo Ouriol está formado polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, xunto á poeta e recitadora Eva Veiga. Aínda que os seus integrantes desenvolveron por separado unha longa e frutífera traxectoria profesional, o grupo constituíuse como tal no ano 2000. Dende entón veñen realizando –dentro e fóra de Galicia- proxectos moi diferentes, mais co denominador común de conxugar música e palabra poética nun mesmo espazo e nun mesmo tempo, co fin de acadar unha experiencia estética o máis integral e amena posible. Trátase, en efecto, de facer música, pero entendida esta no amplo sentido de “sonoridade”. Sonoridades que conforman atmosferas porosas nas que, xunto á propia música e á palabra, se mergulle o público en sensible respiración. Por outra parte, cada un dos espectáculos adoita incluír proxeccións visuais e outros elementos escenográficos do artista Alfonso Costa.

Bernardo Martínez

Multiinstrumentista e compositor. Fundador do colectivo Filloa con Fito Ares e outros. Formou parte de grupos de rock, folk, jazz, free jazz, e música de baile. Compositor e director musical de cerca de medio cento de obras de teatro, aparte de participar en numerosos proxectos audiovisuais e de interacción con outras artes.

Fito Ares

Saxofonista e frautista. De formación autodidacta, está especializado en músicas de vangarda e free jazz. Foi fundador do colectivo de músicos galegos Filloa. Ademais compuxo pezas para obras de teatro e películas de cine, amén de colaborar con diferentes poetas e artistas plásticos. Actualmente compaxina o seu labor como membro do Grupo Ouriol coa participación nos conxuntos Grusdanga (especializado en improvisación) e FrikTone (grupo de Jazz co que publicou o disco Cuscús)

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra