Entre cores e soños. Carlos Bóveda

Actualizado 06/11/2014 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle dende o 7 de novembro ata o 7 de decembro de 2014 a exposición Entre cores e soños. Carlos Bóveda. Esta mostra fai un percorrido pictórico polas obras do autor, dende a súa primeira etapa de pinturas máis escuras ata a última na que empregou unha gran variedade de cor.

Nas súas creacións Carlos Bóveda retrata Galicia, as súas xentes, os oficios e os costumes. Un álbum completo da súa terra.

Carlos Bóveda (1933-2004) viviu ligado a Pontecesures. Dende moi pequeno demostrou talento para a pintura, colaborou como deseñador e pintor na fábrica de Cerámica Celta, a primeira en apostar por un deseño e un concepto integramente galegos e coa que tamén participaron outros artistas de renome, como Castelao, Asorey ou Maside. A súa primeira exposición individual realizouna en 1957 en Padrón, a súa terra natal, onde logrou vender as súas primeiras obras.

O pintor emigrou a Bos Aires (Arxentina) en 1962, onde permanecería durante corenta anos. Alí seguiu desenvolvendo a súa actividade pictórica con outros pintores galegos como Luis Seoane ou Laxeiro, co que garda certa similitude nas súas obras.

A partir do venres 14 realizaranse visitas guiadas todos os venres ás 19:00 h durante o período que dure a exposición. Para asistir non se necesita inscrición.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra