A música e o diabólico

Actualizado 07/11/2014 00:00

museo de pontevedra

A presenza do demo na música protagoniza o último concerto do ano do ciclo Do Audible 2014 que terá lugar no Sexto Edificio o 14 de novembro ás 20 h.

Contará coa participación do profesor e ensaísta Enrique Gavilán, especialista en Wagner e autor do libro Otra historia del tiempo, e a participación do Distracfold Ensemble, de Manchester, como agrupación convidada.

Do Audible é un ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, e que quere contribuír a normalizar a escoita de música contemporánea en Galicia.

O programa do concerto incluirá pezas de Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone.

Ó longo dos tempos, moitas culturas recoñeceron na música un poder excepcional, á vez temible e admirable. Nuns casos, as relixións trataron de aproveitar o seu poder; noutros, recoñecérona como unha competidora, o que levou a percibir nela a pegada diabólica. Esta manifestaríase na súa beleza demoníaca, na súa capacidade para o engado e a posesión, na súa ambigüidade insoluble, e a súa manifestación máis sinalada sería o intervalo de cuarta aumentada, o “diabolus in musica”.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra