Domingos Musicais no Sexto

Actualizado 12/11/2014 00:00

museo de pontevedra

O domingo 16, ás 19:30 h no Sexto Edificio, actúa Julio Fowler dentro do ciclo de concertos Domingos Musicais no Sexto.

Julio Fowler, nacido en Santa Clara (Cuba), pertence a unha nova onda de cantautores cubanos; a súa música é unha mestura orixinal de identidade e vangarda, que reúne nas súas raíces en todas aquelas tendencias musicais compatibles.

Estudou música, actuación e canto no Instituto Superior de Arte de La Habana e nos últimos anos, percorreu escenarios de todo o mundo cativando ós amantes do movemento Cuban World Music en América e Europa. Posúe unha grande habilidade para combinar os elementos populares e tradicionais da música cubana con sons e ritmos doutras culturas.

A súa música diversifica o horizonte dos clásicos sons cubanos como o testifica o seu recoñecemento co Premio Cubadisco de 2011 na categoría Troba Fusión polo seu traballo discográfico Utopías. O seu último CD, Ligeros de Equipaje, foi considerado polo crítico Carlos Olivares, como un dos 10 mellores discos con participación mundial de músicos cubanos do ano 2012.

A súa versatilidade e dominio de diferentes xéneros musicais e estilos que van do pop á salsa, levouno a compoñer e coescribir cancións xunto a grandes compositores e para varios cantantes, como Jack Tempchin, Claudia Brant, Luis Enrique, Amaury Gutiérrez, Garret Wall ou Marta Sánchez.

Chega a España invitado polo Festival da Canción de Autor de Madrid que organiza a Fundación Autor, e como resultado do seu éxito decide residir nesa cidade e desenvolver o seu propio proxecto musical.

Editou catro álbums: Dale Mambo (Urban Color, 2003), Buscando mi lugar (Factoría Autor, 2006), Utopías (Factoría Autor, 2009) e Ligeros de Equipaje (Cezanne Productions, 2012).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra