Presentacións de libros

Actualizado 21/11/2014 11:00

museo de pontevedra

Javier Domínguez Álvarez e Fina Casalderrey presentarán os días 25 e 27 de novembro, no salón de actos do Sexto, os seus últimos libros. Será ás 20 h.

Los Suaves. Mi casa es el rock 'n' roll

Esta publicación é unha homenaxe e recompilación da historia de Los Suaves, o grupo de rock urbano fundado en Ourense nos anos oitenta polos irmáns Charli Domínguez, Yosi Domínguez e Javier Domínguez, considerado un dos mellores de España de todos os tempos.

O seu autor, Javier Domínguez Álvarez (Ourense, 1957) é licenciado en Xeografía e Historia e autor, xunto con outros compañeiros, dun libro de Historia do Mundo Contemporáneo. Fundador e primeiro batería de Los Suaves, tamén está metido no mundo do teatro formando parte do grupo Argallada, co que fixo representacións por toda Galicia. Dedica a súa vida ás súas dúas grandes paixóns: a música e o ensino. Traballa no I.E.S. Valle Inclán de Pontevedra e toca a batería na Freire B. Band.

Historia da bicicleta dun home lagarto

Esta novela é a historia de Mundo, un neno que superou o ataque dos lobos ó seu rabaño, pedaleou nunha bicicleta de celador de telefonía, subiu ós postes máis altos coma un lagarto… Pero a misteriosa desaparición do seu pai, o medo debuxado nas caras das veciñas, o loito enigmático da súa nai, as notas manuscritas nos libros… atoldaron os seus soños de futuro. O libro está ilustrado por Laura Súa Campo.

A autora, Fina Casalderrey, (Xeve, Pontevedra 1951) é mestra, académica e escritora cunha ampla obra escrita para nenos e mozos.

O longo da súa traxectoria literaria recibiu varios galardóns como o premio Merlín de Literatura infantil, o Premio Barco de Vapor, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o premio Edebé de Literatura Infantil e o Premio Irmandade do Libro á Autora do Ano.

Na presentación desta obra intervirán ademais da autora: Miguel Suárez Abel (escritor), Manuel Bragado (director de Edicións Xerais de Galicia) e Óscar Ibáñez (gaiteiro).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra