De onte a hoxe. Catro pintores en Pontevedra

Actualizado 25/11/2014 00:00

museo de pontevedra

Os cadros e esculturas que se amosan nesta exposición son o reflexo do traballo realizado polos artistas Rogelio Lorenzo, Benito M. Vázquez, Arturo Cifuentes e Ricardo Ferreiro que nos anos oitenta se uniron para crear un grupo co fin de mostrar a arte que se facía en Pontevedra por diversos puntos de España.

A mostra poderá visitarse no Sexto Edificio desde a súa inauguración o 28 de novembro ás 20 h ata o 12 de xaneiro de 2015.

Premer nas imaxes para ampliar


Así describe José Curt, comisario da exposición, a obra de cada un destes artistas:

Rogelio Lorenzo Rodríguez, Salvaterra de Miño, 1921-Pontevedra, 2003

A súa pintura é romántica, costumista, amable, histórica. Por ela desfilan as personaxes máis significadas do campo e da mar galegas: os rapaciños na escola, a rosquilleira e a pescantina, a queimada, a cinzarrada, a noite de San Xoán, fadas e trasgos, aquelarres e as feiras coas súas muiñeiras. Nada do que sexa galego pasa desapercibido para os pinceis de Rogelio.

Benito Martínez Vázquez, Bora (Pontevedra), 1925-Castelló de la Plana, 1998

Se foi a elétrica a que levou a Santa Compaña, a televisión levou a cor negra do pano da cabeza daquelas paisaniñas de Bieito. Aquelas “viúvas de vivos” que lle doían a Rosalía, capaces de destripar co sacho a terra que habería de acoller a semente do millo e de muxir a vaca mentres lle daban para cear ó rapaciño, xa non están. Por iso o encanto engadido á súa magnífica pintura.

Arturo Cifuentes Pérez, Ávila, 1934

Pintaba do natural. Pero aquilo de facer compatible o chuvasqueiro e o paraugas co cabalete e conter o lenzo para que non flamexase coma unha bandeira de combate contra os axitados ventos galaicos era tarefa case imposible, para un pintor que non naceu para heroe senón para poeta. Facía retrato tamén, pero só de cando en vez, porque o seu era a paisaxe. Porque dicía Arturo que o retrato non pasa de ser un xesto e a paisaxe é toda unha historia.

Ricardo Ferreiro Silva, Dozón, 1952

As flores de Ferreiro non son a disección científica da flora que estilaba Mutis, coas súas corolas, cálices, estames, pistilos, brácteas e nectarios precisos e académicos, senón que son o retrato espiritual das herbas e das flores franciscanas, algunha delas sen nome de tan modestas que son. Pero son flores que colman todo anhelo estético e sentimental. Ferreiro pintounas coa maxia das fadas e, se esfollas unha das súas margaridas, empeces polo pétalo que empeces, sempre van terminar contestándoche: “Si, quérete”.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra