Conferencia Historia do xoguete en España

Actualizado 04/12/2014 00:00

museo de pontevedra

O mércores 10 de decembro ás 20:00 h no salón de actos do Sexto Edificio, José Antonio Quiroga de Paz falará da historia do xoguete en España. O conferenciante é comisario da mostra O xoguete español. Un século de historia (1880-1980) que se inaugura o venres 12 á mesma hora.

Na conferencia faise un percorrido por unha parte da historia contemporánea de España a través dos seus xogos e xoguetes, con información dos feitos máis relevantes e proxección de imaxes que representan algunhas das pezas infantís máis significativas da colección Quiroga-Monte e as máis populares durante un século de produción xogueteira.

Estes obxectos lúdicos, desde o seu desenvolvemento industrial e comercial a finais do século XIX, encóntranse estreitamente vinculados aos cambios socio-económicos, técnicos, culturais e políticos das diferentes fases históricas, constituíndo un fiel reflexo dos comportamentos, costumes, modas, sucesos e inventos acontecidos, neste caso, entre os anos 1880 e 1980.

José Antonio Quiroga de Paz é autor de diferentes publicacións sobre o xoguete, o boneco e a cultura infantil de ámbito español. Ademais, é propietario da colección Quiroga-Monte, conxuntamente coa súa muller, Covadonga Monte Bros, esta última, xestora e responsable desta e das exposicións realizadas por diferentes cidades españolas.

Expertos e críticos especializados valoraron a riqueza e variedade das máis de 1.500 pezas infantís -todas elas orixinais- da colección, que abrangue 125 anos (1860-1985), considerando as súas exposicións como as máis completas e interesantes de cantas se realizan en España.

Ver información sobre a exposición

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra