Aires da Terra: o legado de Feijóo

Actualizado 05/12/2014 00:05

museo de pontevedra

Aires da Terra: o legado de Feijóo é un proxecto romántico que pretende traer a 2014 os sons e a idea orixinaria que motivou a don Perfecto Feijoo para crear o seu coro.

Un grupo de músicos actuais, composto por Suso Vaamonde (gaita e voz), Xosé Lois Romero (tambor, pandeiro e voz), José Manuel Acha (bombo e voz), Xan Herrera, José Luís Garaboa, Xoán Porto, Paulo Chouza Noal e César Tarela Pérez (voces), unidos tamén polo mesmo nexo común do amor pola música tradicional, decidiu recrear o coro formado polo boticario-gaiteiro que aparece na fotografía que J. Cao Durán lle fixo en 1901, na súa viaxe a Madrid.

A formación, o vestiario e os instrumentos son idénticos ós utilizados polo coro Aires da Terra na gravación que fixeron en 1904. Mesmo se contará cunha réplica exacta da gaita de don Perfecto que será tocada coa dixitación e ornamentación que el deixou anotada nos seus papeis.

A concepción do coro é idéntica á do orixinal. Dous temas, o primeiro e o último, serán bailados por unha parella de bailadores e nas presentacións, intercalaranse comentarios escritos de Feijóo para documentar o espectáculo e amosar, dende un punto de vista didáctico, a concepción que tiña o seu creador do que debería ser un coro na Galicia de 1901.

Tanto a fotografía do grupo realizada en 1901, como a documentación e a gaita orixinal de Feijóo forman parte dos fondos conservados no Museo de Pontevedra.

Este concerto celebrarase o sábado 13 de decembro, ás 20 h, no Sexto Edificio. A entrada será libre ata completar aforo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra