Presentación do libro Contos sen importancia de Luis Maquieira

Actualizado 15/12/2014 00:00

museo de pontevedra

O mércores día 17 de decembro, no Sexto Edificio do Museo ás 20 h presentarase o libro de Luis Maquieira Contos sen importancia, ilustrado por Manolo Ruibal.

Contos se importancia é un libro no que Maquieira recolle catorce relatos. Trátase de historias breves, de áxil e rápida feitura, que inducen á súa credibilidade porque son auténticas. O autor limítase a contalas na súa primeira versión aínda que logo se produza a súa transformación en materia literaria.

O Avelino da Xenerora, o Antucho de Berretina, o Manuel do Zoqueiro, Toñito o Garelo, o Tanicas ou calquera dos outros personaxes que descorren polas páxinas deste libro non son só meros figurantes creados polo autor para ilustrar un relato, senón tamén seres auténticos, de carne e óso, doadamente recoñecibles para calquera que teña vivido nas aldeas, vilas ou cidades da Galicia profunda. De aí que léndoos se poida revivir con fidelidade un tempo da nosa historia e se poda coñecer o ciclo vital dunha caste de xentes sinxelas e divertidas, sufridas e traballadoras, retranqueiras e xenerosas, movidas polo pragmatismo dunha filosofía conxénita de vida.

As ilustracións que acompañan a estes contos son da autoría de Manolo Ruibal.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra