Cine infantil no Museo

Actualizado 16/12/2014 00:00

museo de pontevedra

O sabado 20 ás 17 h proxéctase no Sexto Edificio en versión castelá a película irlandesa El secreto del Libro de Kells (2009), apropiada para nenos e nenas a partir dos cinco anos.

A entrada para esta actividade organizada polo Museo en colaboración co CGAI é de balde pero é preciso retirala previamente no Sexto Edificio. O aforo é de 250 prazas.

O filme, de Tomm Moore e Nora Twomey, ten unha duración de 75 minutos e xira arredor da creación do Libro de Kells, unha das pezas máis valiosas do patrimonio cultural irlandés. Cada imaxe da película concíbese como unha das miniaturas que ilustran o libro sobre o que versa a historia.

A música que acompaña o relato é unha mestura de ritmos celtas e cantos gregorianos.

O filme, nominado ós óscar, estreado no Festival de Cinema de Berlín e seleccionado en numerosos festivais, obtivo o premio do público no Festival de Cinema de Animación de Annecy.

SINOPSE:

Brendan, un monxe de 12 anos, vive nunha remota abadía fortificada en Kells, na Irlanda do século IX. Cos outros irmáns axuda a construír unha muralla para protexer a abadía dos asaltos dos viquingos. Pero unha nova vida de aventuras preséntase diante del cando coñece ó Irmán Aidan, célebre mestre que chega de terras estranxeiras, coidando dun antigo libro de miniaturas que está inacabado. Coa esperanza de rematalo, Brendan sairá da abadía por vez primeira e internarase no perigoso bosque, habitado por toda caste de criaturas...

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra