Segunda conferencia do ciclo arredor da exposición Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa

Actualizado 16/12/2014 09:00

museo de pontevedra

O xoves 18 de decembro, Alfredo González Ruibal, científico do CSIC no Incipit, impartirá ás 20.00 horas no Sexto Edificio a conferencia “Ósos máxicos: cemiterios da Idade de Ferro en Guinea Ecuatorial”.

Nela presentará os resultados das escavacións realizadas polo Incipit entre 2009 e 2012 no cemiterio prehistórico máis grande e máis importante coñecido ata a data en África centro-occidental. Ademais, explicará cómo estes resultados axudan a comprender mellor a historia das sociedades da zona, tanto na Prehistoria coma na actualidade. A entrada é libre ata completar aforo.

Alfredo González Ruibal é licenciado en Historia, especialidade en Arqueoloxía e doutor en Prehistoria. Desde 2009 traballa en Galicia como científico do CSIC, no Incipit.

As súas liñas de investigación versan sobre a arqueoloxía contemporánea (séculos XX e XXI), concretamente sobre os conflitos bélicos, o colonialismo ou o totalitarismo. Tamén estudou formas de resistencia ó estado e á modernidade en comunidades tradicionais en Etiopía e Brasil.

As outras conferencias deste ciclo promovido polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra son:

15 de xaneiro: César Parcero Oubiña, científico titular do CSIC no Incipit: Regando o deserto. Formas de vida e de produción no altiplano andino en época preincaica

22 de xaneiro: César González García, investigador de posdoutoramento Ramón y Cajal do CSIC no Incipit: Orientatio ad Sidera: o ceo e as sociedades do Oriente Próximo antigo

Todas as conferencias son no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, ás 20 h.

Ver información sobre a exposición

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra