Contos Vivos

Actualizado 19/12/2014 13:00

museo de pontevedra

O venres 2 de xaneiro, ás 18 h, no Sexto Edificio terá lugar un espectáculo infantil que reúne marionetas, contacontos, maxia, animación, clown e música en directo.

A historia comeza cun Libro Máxico Xigante do que xorden uns fantásticos personaxes que nos contarán historias, farán maxia, algunha trasnada e mesmo cantarán. Trátase dun espectáculo educativo con grandes doses de humor e moitas, moitas risas.

A compañía Expresión produccións coa vertente Expresión Contacontos creouse no ano 2004 como froito dun duro traballo de base, rigoroso e intenso durante moitos anos atrás do grupo Expresión Teatro, creando talleres de teatro afeccionado en colexios, institutos, asociacións, etc.

Este comezo orixinouse coa obra titulada Entre Nós coa que se acadou un grande éxito, incluíndo o cartel de “Non hai entradas” en numerosas ocasións. Posteriormente representou outras obras tales coma O ladrón, OFIMAX e Imaxinarium Plus.

Así mesmo, tamén representa obras con monicreques, contacontos e outros espectáculos de maxia cos que traballa activamente nos diferentes circuítos culturais galegos como son a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Camiños de Cultura, Rede Galega de Bibliotecas, Plan Cultural da Deputación de Pontevedra e diferentes concellos da autonomía galega.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra